RSS Amplifier

Xanela · Jun 8, 2026

Unha semana no motor dun TMB

0
Sign in to vote or save

Javi Ramos · Xanela

Ola! Había moito tempo que non aparecía por aquí. Non foi por falta de ideas ou de intención de escribir, senón porque me vin un tanto superado pola vida, así en xeral. Non quero enredar, que teño moito que contar, así que entro xa en materia. Escribo estas liñas nas horas posteriores a pechar o que foi o meu sétimo Primavera Sound, todos consecutivos dende o ano 2018. Manteño, non sen dificultades de todo tipo, unha relación un tanto especial e contraditoria con este evento, que sempre acaba convertido nunha montaña rusa de emocións por diferentes motivos. Esta ocasión non foi a excepción.

Non vai ser esta unha crónica do acontecido nin un repaso exhaustivo de concertos e artistas, senón unha viaxe polos sentimentos experimentados durante unha semana de concertos, reencontros, alegrías e desilusións. Tomarei a licencia de non facelo nunha orde cronolóxica para que o fundamental vaia primeiro e así poidades lelo antes de vos cansar e pechar esta pestana ou enviar este correo ao lixo.

No seu momento, facendo un repaso do que foi o Paredes de Coura en 2023 —cando esta aínda era unha newsletter semanal e estaba orgulloso de sacala adiante cada sete días—, falei de que namorara de Wilco escoitando o seu directo no Primavera de 2012 e o máxica que foi a interpretación de ‘Impossible Germany’. É importante volver a aquel momento.

A finais de maio dese ano eu era un rapaz que estaba a un mes da maioría de idade, sentado no escritorio da casa da aldea cun portátil ao lado e preparando os exames da selectividade. Nunca fun, nin tiven que ser, por sorte, unha persoa de grandes agobios cos estudos; pero si lembro ese periodo como o único da miña vida no que fun capaz de ter rutinas algo esixentes e tomar as cousas en serio. Como método de desconexión tiña xa a música. E esas sesións de estudo coincidiron no tempo cun festival do que non sabía moita cousa: o Primavera Sound. Pasado en vivo e en directo por YouTube. Lembro enchufar a citada actuación de Wilco e quedar marabillado e lembro especialmente que The Cure tocasen durante case tres horas nun concerto fascinante, repleto de caras B, rarezas, hits atemporais e unha intensidade que traspasaba a pantalla.

Foi todo un shock para min e fixo xurdir unha idea dentro de min: “Quero estar aí, quero vivir iso”. Tardei seis anos en poder materializalo. En ter os medios económicos para mo permitir e en que alguén se deixase arrastrar para vir comigo. Pisei o Parc del Fòrum por primeira vez en maio de 2018 e convertín ese soño en realidade. Vista en perspectiva, a programación daquela edición está lonxe de ser o memorable que me parecía naquel intre e hoxe nunca repetiría o itinerario que daquela fixemos; pero foi unha experiencia tan grata que o ano seguinte repetimos. E o seguinte, aínda que fose unha das moitas cousas que a pandemia nos deixase sen desfrutar. E así ata hoxe, encadeando edicións con cambios nos acompañantes, pero non no destino e na ilusión xerada por estes días.

Sete primaveras. Unha chea de recordos, persoas, anécdotas e, sobre todo, a oportunidade de ver moitos dos grupos da miña vida. Os do presente, os do pasado e os do futuro. Só, en parella ou en grupo. Son incontables os momentos especiais marcados a ferro para sempre na miña memoria dende entón, pero creo que nada vai poder igualar o vivido o pasado venres.

Cartel Primavera Sound 2026 por días
Faltan un montón de artistas aquí, pero por ter algunha imaxe

De toda a selección deste ano, que me pareceu excelente (veremos como resiste o paso do tempo), resaltaba para min en letras maiúsculas a actuación de The Cure. Unha banda histórica, totémica, máis grande ca a vida. Uns xigantes, ademais, aínda capaces de engrandecer a súa lenda en 2024 cun disco tan marabilloso como foi o Songs of a Lost World (#8 do top dese ano da Xanela). Expectativas polas nubes e emoción a flor de pel no que era o seu primeiro concerto en moito tempo.

Saíron ao escenario principal pasadas as dez da noite e abriron o bolo con ‘Alone’, a peza coa que tamén comeza o seu último álbum. Unha larga —e fermosísima— introdución instrumental que remata coa voz de Robert Smith erguéndose e declamando: “This is the end of every song that we sing / The fire burned out to ash and the stars grown dim with tears / Cold and afraid, the ghosts of all that we've been / We toast with bitter dregs, to our emptiness”. (Este é o final de todas as cancións que cantamos / O lume convertiuse en cinza e as estrelas fóronse apagando coas bágoas / Sós e con frío, pantasmas de todo o que fomos / Brindamos con pousos amargos polo noso baleiro). Fixen crac por completo. Partinme como nunca antes.

Chorei e chorei. Desconsolado coma un neno pequeno e incapaz de reprimir as emocións que afloraban. A maxestuosidade do son, o punto exacto de épica, esa voz tan familiar e tan poderosa. Un combo perfecto que, por un momento, me fixo sentir outra vez que era ese Javi de dezasete anos, sentado e fantaseando co que sería o futuro. Con estar nese festival. Con ver a The Cure. Con ser algo parecido ao que son. Sen ter nin a máis mínima idea do que estaba por suceder a continuación. Vin pasar, conforme avanzaban as estrofas, toda unha vida diante de min. Cada recordo, cada lembranza, cada momento. Fóra e dentro do festival. A ilusión das primeiras veces, os desenganos, as reconciliacións. Frustracións, éxitos e fracasos. Estaba a cumprir un soño. Xa o cumprira, de feito, con anterioridade e non me percatara. En só uns minutos, abríronse e sangraron todas as feridas que porto dentro de min e axiña volveron pechar. Fixéronse patentes, doeron e sanaron.

Hai días que me cuestiono por que a música é tan importante para min. Que hai detrás desa estrana forza que me leva a seguir perseguindo novos horizontes, a alimentar máis e máis unha curiosidade nunca saciada, a convertila nun dos piares da miña vida. Asumo que o fago porque é o xeito que teño de me entender a min mesmo. De axudarme a sentir por completo as miñas penas e as miñas ledicias. Comecei saír dunha depresión moi fonda e moi escura grazas a recuperar o afán por explorar novos discos, novas formas de romperme. Coido que, agora que sopran ventos máis a favor na vida, quero desfrutalos en plenitude con toda a intensidade debida.

Despois de ‘Alone’, The Cure tocaron ‘Pictures of You’. Conteino na Xanela no seu día, pero é, por moi lugar común que sexa, a miña canción favorita deles. Unha balada épica sobre os recordos, o dó e a incapacidade de deixar ir o que xa foi. Se aínda me quedaban bágoas que soltar, aquí foron xa todas. Unha letra tan marabillosa que toca todos e cada un dos meus resortes emocionais para deixarme indefenso, totalmente exposto fóra da miña coraza á vontade desas guitarras tintineantes. Un inicio precioso e marabilloso para un concerto que foi fascinante. Está subido enteiro —non sei por canto tempo, que non é nunha conta oficial— a YouTube e coido que paga a pena botarlle unha ollada porque levo habitando nel todos estes días.

Con todo, malia todas estas palabras grandilocuentes, trascendentes e hiperbólicas que acabo de soltar aquí —prometo que totalmente sinceras—, non foi ese comezo o cumio dun concerto antolóxico. Alternando clásicos con rescates do máis perdido do seu repertorio, The Cure foron avanzando sen baixar nunca o nivel, sen deixar de transmitir a sensación de que estaba a ocorrer algo memorable. E o peche do set principal foi o pináculo da catedral que construíron. Soaron, de forma seguida, sen tregua, ‘A Forest’ (historia viva da música, a liña de baixo máis icónica nunca escrita), a inesquecible ‘From the Edge of the Deep Green Sea’ e, para rematar a xogada, ‘Endsong’.

Quero determe neste momento. Empeza á hora e trinta e tres minutos do vídeo arriba enlazado e recomendo encarecidamente que se vexa. Varias veces. A interpretación ao vivo da derradeira canción de Songs of a Lost World. O peche dun disco con sabor a despedida —que non vai ser tal, disque hai novo material en camiño e no concerto prometeron voltar— e unha devastadora reflexión sobre o paso do tempo. Precedido dunha introdución eterna, de máis de seis minutos de percusións tribais e capas de instrumentos que se engaden paulatinamente e eses ritmos, cantou Robert: “And I'm outside in the dark staring at the blood red moon / Remembering the hopes and dreams I had and all I had to do / And wondering what became of that boy and the world he called his own / I'm outside in the dark wondering how I got so old”. (Estou fóra na escuridade ollando a lúa vermella / Lembrando as esperanzas e soños que tiven e todo o que tiña que facer / E preguntándome que foi daquel rapaz e do mundo que consideraba seu / Estou fóra na escuridade preguntándome como me fixen tan vello).

A mesma voz de sempre. Inalterable, galvanizada contra o paso do tempo tras case cincuenta anos de carreira. Sendo totalmente consciente da mochila ás súas costas: “It's all gone, it's all gone / Nothing left of all I loved / It all feels wrong / It's all gone, it's all gone, it's all gone / No hopes, no dreams, no world / No I, I don't belong / I don't belong here” (Rematou todo, rematou todo / Non queda nada de todo o que amei / Está todo mal / Rematou todo, rematou todo, rematou todo / Nin esperanzas, nin soños, nin mundo / Nin eu, eu non pertenzo / Eu non pertenzo a este lugar). Unha marabilla. Son incapaz de capturar con palabras —e non será porque empregue poucas— o que foi presenciar isto en directo. Un momento para o recordo.

Despois disto, preto das dúas horas de concerto, marcharon do escenario. E tería sido un bolo fantástico de rematar aí, pero The Cure decidiron regresar para un bis de corenta e cinco minutos, dividido entre hits e outras cancións menos populares. O setlist completo pódese consultar aquí. Foi, en definitiva, un concerto de antoloxía e co que obsesionarse a futuro. Pregúntome se haberá alguén que o vise como vin eu o de 2012. Dende a distancia, con soños de poder estar onda eles nalgún momento. Coa ilusión e a inocencia propias do descoñecemento e a inexperiencia. Deixándose levar pola paixón e a emoción. Marcando metas para o futuro e oxalá que cumpríndoas.

Nada existe no baleiro. O impacto emocional do concerto de The Cure non tería sido posible, por excelente que fose a actuación, sen darse nun contexto determinado. E niso inflúen os meus días previos por Barcelona. Cheguei o sábado anterior ao festival estirando os días —e case que a residencia fiscal en Galicia— para dar cadrado co concerto de Maruja en La2 de Apolo o día 30 de maio. Dese bolo quero falar en detalle noutro post —que, sendo sincero, igual nunca chega, pero intentarase—; pero o fundamental da historia é que levaba xa unha semana pola cidade, paseando, vendo concertos e empapándome dun lugar que me é a un tempo alleo e propio.

Os meus plans diarios antes de que o Fòrum me absorbese durante a fin de semana consistiron en saír correr pola beira do Mediterráneo, subir a Montjuic, facer algunha compriña en tendas de discos ou de roupa locais ás que lle teño aprezo e, sobre todo, ver concertos en salas. O agasallo para os asistentes que é o Primavera a la Ciutat, o mellor do festival xunto co Auditori —de volta este ano tras perdelo durante unha edición—. Van dous anos que consigo vivilo na súa totalidade e sempre deixa algunha das actuacións máis destacadas da semana. Desta volta foron o novo flamenco de Yerai Cortés —malia que me decepcionou bastante o documental que lle fixo C. Tangana—, o reencontro con Candelabro despois de velos na Coruña —son os protagonistas do post que está pendente xunta con Maruja—, a maxia do directo de Blood Orange na Paral·lel 62 —a miña nova sala favorita—, a sorte de ver uns mitos coma Mogwai tocando só para uns poucos na Razzmatazz ou o virtuosismo sempre abraiante dos Black Country, New Road, un tesouro de grupo actuando nunhas condicións óptimas para sublimar o seu talento.

Mención especial quero facer ao desfase surrealista que foi o concerto de Gelli Haha en La2 de Apolo. Non contaba para nada con ir, porque fixera outros plans e nin sequera lembraba que reservara entrada para vela (a ela e tamén a Ata Kak, outro concerto divertidísimo e inesperado). Domingo do Primavera, despois de sete días de concertos e absolutamente baldado. A clase de condicións que me fixeron botarme fóra o ano pasado das actuacións de Jane Remover e Kneecap na parte principal da Apolo, que noutro momento seguro que me terían flipado. Pois aínda nese escenario adverso o show bizarro do Gelliverse foi capaz de me conquistar. Hai un directo recentísimo para KEXP que dá conta do que é, algo tan tolo, divertido e hortera que só queda entregarse ao desfrute. Intentei resumilo para a parroquia do Discord de Hipersónica e quedoume algo así (síntoo polo castelán, pero deume preguiza traducirme).

O caso é que todos estes bolos, dos que algún si saíu máis pocho —non conectei moito co de Billy Woods en Paral·lel malia entrar e acto seguido soar ‘Checkpoints’ e ‘Spider Hole’— sentaron as bases (ou coroaron, no caso dos do domingo) dunha edición máis do Primavera, de novo de notable alto malia o desastre do primeiro día.

A do xoves era a xornada que, a priori, menos me estimulaba do festival —o cal significa na práctica que estaba igual de histérico ca sempre, pero con menos compromisos autoimpostos—. Había bo material e xa dende primeiras horas, pero pouquiña cousa marcada en verde no meu Clashfinder de auténtico desquiciado mental. O verde é a cor que significa que estou disposto a cometer crimes de lesa humanidade por ver ese concerto en condicións adecuadas e só aparecían coma tales os de caroline no Auditori e Massive Attack nos escenarios principais (aka Mordor a partir de agora, para maior brevidade).

Pero había un problema: a meteoroloxía. Un problema gordo, porque non era cousa de que fosen caer catro pingas. As predicións falaban dunha tormenta importante, con moita auga e moito vento concentrados nunhas poucas horas, precisamente as dos actos centrais do festival: de oito da tarde a dúas da mañá. Tiven unha experiencia algo desagradable co chaparrón que me caeu enriba o día de PJ Harvey e Charli XCX hai dous anos, polo que optei por ir preparado e deixar unha muda completa nun dos lockers do festival, amais de mercar un poncho impermeable —que acabei sen empregar e regalándollo a un guiri— polo que puidese pasar. E tracei un plan B que consistía en pecharme no Auditori a ver concertos baixo cuberta ata que mellorase a situación. Que axiña executei.

Cheguei, paseei polo recinto, vin un par de cousas (Aiko el grupo e Renaldo & Clara, por se alguén tiña interese) e, en canto vin a primeira nube con malísima pinta e notei as primeiras pingas corrín coma cascuda ante desastre nuclear a refuxiarme nas paredes do Auditori. Un espazo, quero recalcar, fermosísimo, cunha acústica impecable e un ambiente inmellorable no que ver concertos —e coa posibilidade de facelo sentado e repanchingado malia estar nun festival—. San e salvo mentres afora, ía lendo en consultas furtivas ás redes, se estaba a liar a mundial. Ao rematar caroline —un bolo que, por si mesmo, tería xustificado o abono desta edición; foi fantástico— saín chequear a situación e era bastante apocalíptico o tema. Regos de auga por todas partes, escenarios parados, xente completamente enchoupada… un drama que, sumado a que o de Massive Attack non tiña traza de comezar en hora, propiciou que a miña decisión fose pillar a sudadera que tiña gardada e volver ao refuxio a desfrutar do que foi un concerto marabilloso de Panda Bear ao que non lle fixen o caso debido por estar pendente das actualizacións sobre que ía pasar co festival.

Para a historia das capturas indecorosas de mensaxes do Primavera Sound xunta o de Rigoberta Bandini substituíndo ás Bikini Kill

O caso é que parecía que o peor xa pasara e que o festival ía poder continuar con certa “normalidade”. Con zonas anegadas, algún desperfecto a causa do vento —o verdadeiro problema nestes eventos, que pode levar a traxedias seguramente evitables coma a do Medusa hai uns anos— e a xente cos ánimos baixos, pero sen maiores incidencias. Nese contexto, chegou unha mensaxe a través das apps do festival avisando de que, malia as dificultades, Massive Attack tocarían no escenario principal en hora e algo. A tempo de que os que marcharan do recinto volveran. Sentiuse unha ovación atronadora. Coma a celebración dun gol. Íase salvar o gran hito da noite —síntoo por Blood Orange, Geese ou Oklou, seguro que fustes bolos marabillosos e merecedores de todos os eloxios recibidos—.

Alá peregrinamos todos, os que estabamos impecables grazas ás tácticas de supervivencia extrema e os xa devastados pola tormenta, aos pés dun mastodóntico escenario coa ilusión de vivir en directo xoias coma o Blue Lines e, sobre todo para min, Mezzanine. E o que vimos foi: un recital de fregona. Operarios e técnicos tratando de lograr un imposible: adecentar un espazo que non podía acoller un concerto nese estado. Despois de hora e media de espera chegou outra mensaxe:

Emosido engañado

A secuencia dos acontecementos foi equivalente a que me apuñalasen, me salvasen a vida despois de terme agonizando e me rematasen ao saír da convalecencia. Unha cancelación entendible, pero dolorosa e fatal xestionada por parte da organización. Aí quedan os vídeos en stories de Doja Cat —chorando desconsolada— e de Bad Gyal —tranquilísima— contando a pena que lles daba o acontecido e a mensaxe de Massive Attack do día seguinte que para min é coma este vídeo.

Aos poucos minutos do anuncio, voltou caer de novo auga a caldeiros e, aínda que nos outros escenarios seguía con normalidade a programación da xornada; o día estaba perdido. Enchoupado, decepcionado e triste houbo que andar o camiño de volta, sen opción de coller un metro para chegar á casa e cos buses e taxis abarrotados de toda a xente que tivo a mesma idea. Ao final: un camiño de hora e media a través da nada máis absoluta ata que un Uber de prezo infladísimo chegou ao rescate no Poblenou.

Se algo bo tivo o fiasco da primeira xornada foi que non houbo desfase que acusar —nin por sorte ningunha pulmonía— da noite anterior. O venres estaba xa ás catro da tarde polo Fòrum porque devecía por ver a .bd. —para min a banda española máis estimulante do momento— e decidín facer ese sacrificio consciente de que ía pasar preto de catorce horas metido nese recinto. E poucas foron.

Poucas veces se estima na xusta medida que as cousas saian ben por norma. Ata que saen mal. A xornada do venres deste Primavera Sound foi impecable en moitos sentidos. Ao xa extensamente comentado concerto de The Cure súmase que non houbo ningún atranco importante en temas organizativo e loxísticos, nin secuelas das tormentas. Barras, colas, baños e son funcionaron de dez. Si puido haber algún agobio puntual cos caudais de público—que é un tema preocupante nos últimos anos con tanto aforo e que non sei se ten remedio—, por buscar a nota negativa. Pero, en liñas xerais, foi un día de reconciliarse co festival despois da decepción anterior.

De .bd. ao peche con Underground Resistance encadeei unha serie de concertos que só podo definir como excelentes. Las Petunias enchendo a zona do porto de power pop, un chisquiño máis breve do que me gustaría de Slowdive sendo lendas vivas do dream pop, a maquinaria industrial de Einstürzende Neubauten, a emocionante despedida de Ethel Cain, o espectáculo pop de Addison Rae, o xa citado de The Cure, PinkPantheress entendendo que tiñamos medo e necesitabamos puro jungle a esa hora, o punk abrasivo dos Viagra Boys e a lección de techno de Detroit dos Underground Resistance. Un día sobresaliente e rondando a perfección. Nada que obxectar. É precisamente por isto polo que movo ceo e terra para poder vir cada ano.

Pronouns are confusing? Dude, wtf is this

Nos días previos ao festival houbo moitos rumores de que algo tiña preparado a organización para o oco baleiro que se ve na programación do escenario Occident —o grande da entrada, non se lle debe facer promo de máis á marca—. Confeso que non agardaba gran cousa e que mesmo en anos anteriores se teñen dado por motivos varios pausas similares sen sorpresas. Pero nunha entrevista en RAC1 o codirector do festival, Gabi Ruiz, avisaba de que si había algo por anunciar e, tirando de símil futboleiro avisaba de que era “un Haaland”. Algo importante.

Non crin demasiado no anuncio —será por veces que se nos ten vendido fume— e ata fixen algunha broma co vídeo de Minguella todo chinado rosmando que a ver a quen lle empatara o Haaland ese. Que se ía ser Charli porque estaba na cidade o mércores para ver o dj set do seu marido e doutra xente nesa órbita en Les Enfants —logo xa non porque resultou estar de paso antes da voda de Dua Lipa en Italia—, que se os Fontaines DC porque estaban todos polo festival… nomes varios e un que comezou coller sona co paso das horas: Olivia Rodrigo. Aí si confeso que me alterei algo máis, porque pode ser unha das poucas estrelas do panorama mainstream que si me interesan (e moito) musicalmente, pero víao imposible pola dimensión do concerto e porque prevía unha avalancha nesa zona do festival en caso de que fose certo. Pois ben:

Superado o shock inicial había un problema: o concerto de Olivia solapábase con… My Bloody Valentine. Un dos grupos da miña vida. Referentes á hora de convertir o ruído en beleza, nomes de culto do alternativo e imprescindibles na miña ruta. Conforme se achegaba a hora menos claro tiña que facer e, aínda que desfrutei dun bo bolo de Big Thief, matábame a indecisión e pasei media actuación de Little Simz (outro gran concerto) pensando en que facer. Ao final, primou a miña vertente pureta e decidín permanecer en Mordor para ver aos MBV. Sempre habería tempo de volver ver a Olivia noutro formato e noutra ocasión, pero poucas veces vou pillar un grupo coma o de Kevin Shields de xira por aquí.

Non foi a mellor idea. Fíxenme un sitio ben adiante, disposto a facer bo uso dos tapóns —mercados para a ocasión— que debían impedirme que esa fervenza de guitarras e distorsión me desfixese os tímpanos; pero comezou o concerto co temazo absoluto de ‘I Only Said’ e… soaba baixo? Quitei a protección e, efectivamente, soaba baixo e mal. Un baixo que mataba todos os outros instrumentos, una batería e unha guitarra practicamente inaudibles. No que debía ser o concerto con máis decibelios de todo o festival (con permiso de Merzbow no Auditori). Quixen confiar. Aguantei varias cancións máis e… non foi a mellor. Á cuarta decidín marchar e ir ver a Olivia.

Fixen a distancia entre escenarios andando a un ritmo propio de cando quero saír correr en zona 2 e, en menos de dez minutos, estaba na cola para subir á zona elevada que me ofrecera unha amiga —mil grazas, Ana— para conseguir ver algo entre o auténtico mar humano que inundaba a zona de acceso ao festival. E o cambio de idea foi un acerto. Temía que Olivia viñese cun showcase cutre do disco novo, algo similar ao bolo que deu hai unhas semanas no Teatre Grec —outra medio asentada en Barcelona, coma min— e fose un acto de promo algo descafeinado. Pero para nada. Si caeron os singles de adianto do novo traballo, que sae en só uns días, pero tamén toda a colección de hits que, ao meu ver, a converten na estrela pop rock máis relevante do momento (no sentido de chegar a públicos amplísimos, como xente en idade escolar e tal).

A partir de aí, foron bastantes os momentos de aforro de enerxía para chegar vivo ao peche do festival e cumprir así coa tradición anual de ver amencer no Fòrum, unha das poucas supersticións que trato de respectar, xunto coa de saltar tres veces a cacharela no San Xoán. Vin algo dende a distancia cousiñas interesantes coma o concerto de Dijon no escenario das gradas, os pogos salvaxes de Knocked Loose nese mesmo lugar ou a Four Tet marcarse unha sesión do máis xenérica e pouco meritoria na carpa que substitúe ao que foi a Boiler e que segue a matar o son dos escenarios adxacentes. O da reserva de folgos, agora que penso, foi algo mentira porque me desgraciei vivo —cunha pausa para coller aire e logo volver— no show que deron Joey Valence & Brae na zona do porto (no que antes era o Pitchfork, vaia). Pensei que ían tirar de rap polo estilo dos Beastie Boys e facer un concerto lúdico-festivo sen máis trascendencia, pero asomaron a pata polos mundos do drum and bass e do jungle e fixeron aínda máis desfrutón un dos bolos con mellor ambiente da xornada.

Faltaban, como remate da edición, a actuación dos Kneecap nun macroescenario tras o concerto en sala do pasado ano, comprobar que tal se trasladaba ao directo o hype do disco de Ninajirachi —hai moitos álbumes de tops recentes no cartel do festi, pero este é dos que máis arriba estaba o ano pasado— e confiar en que Peggy Gou non convertise nun desastre o peche deste PS 2026. Saíu regular a xogada. FENIAN paréceme un paso adiante de Kneecap como banda, escurecendo o seu son e pechando temas redondos, pero o seu directo segue a me deixar frío, ademais de que acabei véndoo dende a distancia por marcharmos a tempo onda Nina.

Fixo falta porque a zona do escenario do porto no que actuaba estaba completamente abarrotada dende ben antes. Pensei nun primeiro momento que era porque estaba a pinchar Nick León xusto enfronte —entrou gustosísimo ese ‘Bikini’ con Erika de Casier a esa hora—, máis non era o caso. A expectación coa produtora australiana era real e congregou nesa zona do festival a máis xente da que nunca antes vira por ese lugar. Tanta que se facía realmente incómodo moverse e mesmo ter algo de visibilidade ou son do que acontecía. O directo estivo chulo, mesturou temas de Rosalía ou Charli XCX cos seus e o colofón final con ‘Fuck My Computer’ foi bastante apoteósico, pero era difícil desfrutalo nesas condicións. Turno de ver que tal Peggy Gou.

Fatal. Moitísimo público de novo (non mal porque haxa moito, iso ben, mal porque era máis do que debería acoller ese espazo), malia as horas intempestivas. Unha rara combinación de cadáveres, valientes e peña que alumbraba coa mirada, pero co avance do set foise facendo sitio para bailar e estábase máis a gusto. Lástima que o que viña dende o escenario era un pastiche intragable de drops de EDM, o house máis cutre nunca feito e uns visuais que apostaría a que estaban deseñados con intelixencia artificial da mala. ‘(It goes like) Nanana’ fixo un amago de levantar o tinglado como hit absoluto que é, pero non tiña remedio e axiña volveron os mesmos males de antes. Sen tempo a que pechase a actuación era hora de darlle carpetazo a un novo Primavera (no Fòrum, nas salas quedaba a bola extra do domingo). Se todo vai ben, en 2027 haberá máis (e oxalá mellor).

  • Nunca mandei calar tanta xente en concertos coma nesta semana, estou mutando nun absoluto vinagres (e non sei se é porque teño menos tolerancia a estas cousas ou porque a xente fala moito máis, pode que ambas as cousas).

  • A mutación no Coachella europeo do Primavera está a ateigar —máis aínda, é incrible pero podía ir a máis isto— o recinto de stands de marcas, influencers con séquito de gráficos e outras mil perrechadas máis que me darían completamente igual se non fose porque na maioría de casos van en detrimento das comodidades dos asistentes. Obstaculizando zonas de paso, prexudicando a visión ou mesmo o son dalgúns escenarios. Despois un ve o resultado final destas accións de impacto e queda abraiado de que se poida chegar a cobrar por iso. Son consciente de que estas movidas pagan que eu poida ver os meus grupiños de nerd sen que o abono pase custar o tripo do que xa vale, pero non quita que me moleste igualmente.

  • Ligado ao anterior: o 62 por cento dos asistentes foron de orixe estranxeira. Creo que é un novo récord, xa que nos últimos anos as porcentaxes andaban preto de ser metade e metade. Non tería por que ser un mal dato, porque a orixe non indica gran cousa, pero o certo é que o público angloparlante —en especial o estadounidense— vén cuns xeitos difíciles de cadrar co que eu coido que foi sempre a idiosincrasia do festival. Pero claro… gastan bastante máis, na cidade e no recinto, que calquera europeo promedio.

  • Houbo bromas co de que Geese son unha psyop, pero poucas psyop maiores ca a psoeop e ese vídeo de Pedro Sánchez de paseo polo festival con Gabi, respondendo preguntas para a radio e charlando de risas con Amaia.

  • Aproveitei a visita a Barcelona despois duns cantos meses sen ir para pórme ao día coa programación dalgúns museos e, aínda que palmei a exposición sobre Mercè Rodoreda no CCCB, cheguei nos primeiros días da nova que teñen sobre os cánones de beleza ao longo da historia, as súas implicacións sociopolíticas e xeitos de deconstruílos. Está xenial, a verdade, ben explicadiña e pódese ver nunha horiña ou horiña e media prestando atención e sen présas.

Síntome na obriga, despois do escrito, de que a canción da semana sexa algunha de The Cure; aínda que non me presta demasiado que repitan na lista xa tan cedo. Como estou agardando no aeroporto polo embarque do avión de volta a Compostela e quero enviar este post antes do voo vai ser ‘Endsong’, polos motivos anteriormente expostos. Queda aquí a lista de reprodución de todas as cancións e lembrade que se non empregades Spotify —plataforma que vos convido a abandonar o antes posible— teño copias da mesma noutras alternativas coma Tidal, Apple Music, YouTube Music ou Qobuz (a mellor das citadas, opino, sen me satisfacer ningún modelo de streaming). Nada máis, sinto a extensión e a escasa concisión. Creo que me quedaron cousas por contar e que me vou arrepentir de mandar isto sen revisión previa, pero vai xa. Apertas e azos para todos! Graciñas por ler e agardo volver axiña!

Read the original on xanela.substack.com

Comments

Nothing yet. Say the first thing.

    Sign in to join the conversation.