RSS Amplifier

Xanela · Apr 21, 2026

Un centro de gravidade

0
Sign in to vote or save

Javi Ramos · Xanela

Non é doado retomar a palabra despois de máis de dous meses sen pasar por aquí. No último post de febreiro puiden botar fóra algo que levaba meses barrenando e que precisaba contar para me liberar dunha carga, pero agora pásame o contrario: quero escribir, pero non sei o que. Nada parece o suficientemente importante. Neste tempo pasaron tantos acontecementos, non só no mundo, senón na miña vida, que me resulta un tanto absurdo intentar desglosalos, atoparlles unha orde lóxica e correlacións e repasalos. Anotei moitos deles en infinitos borradores, notas do móbil e marcadores en redes nunca desenvoltos; amagos de textos incompletos, lecturas por comentar e ideas non rematadas. Algunhas parecían brillantes, outras foron sempre malísimas.

É así que xa moitos destes temas, a maioría, perderon vixencia e resultan extemporáneos, anacrónicos. Non é só a miña vida a que parece ter pisado o pedal do acelerador e collido velocidade de cruceiro cara a quen sabe onde, senón que o mundo no que vivimos xira tan rápido que resulta fácil perderlle o paso ao mínimo despiste. Tanto que, por momentos, todo semella unha representación de teatro do absurdo.

Hai unha morea de asuntos de actualidade aos que podería aludir para exemplificar esta efervescencia da sinrazón, mais levo semanas sen me poder quitar da cabeza este texto do Washington Post e, aínda que vaia xa tarde, necesito comentalo. Titúlase algo así como ‘A Casa Branca está transformando os ataques a Irán nunha guerra de memes’ (tamén é moi bo este de Garbage Day) e relata os esforzos en materia de comunicación do Goberno estadounidense para facer pasar esta agresión indiscriminada, causante da morte de miles de civís, como algo divertido e trivial. Material para shitposting gracioso con referencias pop como Yu-Gi-Oh!, videoxogos, heroes de Marvel ou películas coma Top Gun e Braveheart. Para mostra, esta publicación no Twitter oficial da propia Casa Branca:

X avatar for @WhiteHouse

The White House@WhiteHouse

JUSTICE THE AMERICAN WAY. 🇺🇸🔥

2:11 AM · Mar 6, 2026 · 65.1M Views

20.7K Replies · 21.3K Reposts · 134K Likes

É dunha levidade insoportable. Dunha irrespetuosidade atroz. Fachendear da destrucción, da morte, do sufrimento. Párteseme a alma só de pensar que é real, que non hai o mínimo cargo de conciencia en ver como o mundo se pode ir a pique porque si e que a única ideoloxía que impera é a de combinar a plutocracia na práctica co Jódete, puto progre (adaptación libre do own the libs, acepto correccións) no discurso. Todo en beneficio duns poucos e sen esperanza de xustiza ou reparación algunha.

No mes que vai dende que se publicaron estas mensaxes sucederon xa tantas cousas que está todo obsoleto. Todo pasa sen deixar pouso aparente en nós, mais erosionando ata facer raquítico o tecido que nos une como individuos integrantes dunha sociedade. Os fíos invisibles que fan que todo este tinglado se sosteña e non esteamos rexidos unicamente pola lei do máis forte. Ao mellor son un idealista e arrastro un esquema de valores inválido para a vida actual, pero négome a ter que procesar eventos coma este a menudo. Todo mentres hai xente que se fai de ouro apostando sobre a vida de terceiros con información privilexiada en Polymarket ou cando supostamente a última man da cadea de mando detrás de todo isto se informa a base de reels que poderían ser de edificios aleatorios explotando.

(As ligazóns son interesantes, paga a pena parar de ler isto por botarlles un ollo. Tampouco sobra chequear este tema do Signalgate para completar a panorámica)

Non quería abrir este texto cunha declaración de intencións tan solemne e triste sobre o estado do mundo; pero é un tema, o dos memes e a banalización da guerra, do fascismo e de tantas cousas horribles, que me supera por completo. Porén, quero vir cun discurso en positivo e que fale das virtudes de compartir e comunicarnos con xente coma nós.

Nestas primeiras semanas do ano (aínda que confeso que hai uns días que o teño bastante abandonado) estiven a participar, xunta doutras persoas do Discord de Hipersónica, nunha iniciativa común, propiciada pola boa de Ana, para repasar entre todos o canon que marca o libro dos 1.001 discos que escoitar antes de morrer. Hai unha páxina web arcaica a máis non poder que permite crear grupos e que lles recomenda a todos os integrantes un dos álbumes cada día para que o escoiten e despois poidan reseñalo e votalo. Vai rexistrando as valoracións e devolve estatísticas de afinidade entre usuarios, sinala os discos máis controvertidos ou aclamados e, en definitiva, xera algo de debate en torno a esas obras.

Valoro moito o feito de poder compartir gustos e opinións con outras persoas e coido que calquera manifestación artística, por moito que nos interpele individualmente, se desfruta máis cando se pode falar dela con máis xente, atoparlle así detalles non percibidos e artellar relatos colectivos. No caso destes 1.001 discos, que son máis porque se foron actualizando conforme saíron novas edicións, acompañamos a escoita con reseñas en Record Club (rede social que non me cansarei de recomendar para a xente cun mínimo interese en escoitar e descubrir música) e, deses pequenos textos saen risas, discusións divertidas, aprendizaxes en grupo e ata algún momento emotivo.

En xeral, renego bastante de todas estas concepcións de cánones musicais e de discos que é obrigatorio escoitar; mais agradezo que esta iniciativa me sirva de escusa para saír fóra do convencional e descubrirme desfrutando de cousas que antes me eran alleas coma o jazz de Hugh Masekela e Bill Evans, para afondar na discografía de tótems coma os Beach Boys ou a Creedence Clearwater Revival ou mesmo para atopar xoias coma Faust, The Slits ou Orange Juice (entre outras moitas aínda por chegar) ás que nunca lles prestara atención.

Por certo, como, por desgraza, a selección dos discos aquí incluídos ten un nesgo terrible cara ao anglosaxón (entendible, mais non por iso menos censurable), completamos a experiencia cun disco extra a fin de semana dos da lista de seiscentos álbumes latinoamericanos que se recolleron como máis representativos do continente nesta web. Así, a ritmo de cumbia, guaracha ou salsa, é máis fácil sacar as malas vibras de ter que lidar con cousas coma Jamiroquai, LL Cool J ou Todd Rundgren entre semana. Porque si, fiascos e discos infumables hai tamén uns poucos na lista.

Quero pechar este post cunha extensión comedida, así que vou intentar sintetizar o máis posible nesta sección, que vai ser a de facer un repaso rápido sobre cousas que vin, escoitei ou lin este mes.

Púxenlle de título a canción das KPOP Demon Hunters porque é un soberano temazo (recoñecido nos Oscar e todo), pero tamén porque me valía para falar de The Moment, a película sobre Charli XCX na que Charli fai de Charli na xira de brat (un disco que deu non pouco que falar en tropecentos post desta newsletter e #1 do top de 2024). Vina hai cousa dun mes e teño unha incapacidade supina para me lembrar do que fixen máis de vintecatro horas atrás no tempo se non o escribo (fixen un texto intenso para Letterboxd, mais que creo que nin así), pero divertiume moito e creo que ten momentos brillantes. Hai que recorrer aos métodos do pirateo para vela (creo que só por unhas semanas máis), porque o tema da distribución do cine e das plataformas é como é, pero se alguén ten interese ten tamén fácil solución. Quédame a dúbida de se funciona para as persoas que non sexan fans desta muller (problema delas), pero a min prestoume e reafírmome por enésima vez en que sempre é estimulante estar pendente do que fai e do que di. E ten disco de rock en camiño, parece ser.

Por non escapar moi lonxe de relacionar os #1 das listas anuais da Xanela con filmes, vin tamén El botón de nácar, un documental bastante alegórico de Patricio Guzmán sobre os crimes da ditadura de Pinochet (non está difícil saber que país promoveu o golpe de estado que o aupou ao poder) que traza unha conexión entre estes, a violencia colonial do imperio español contra os pobos orixinarios de América latina e o papel da auga e do mar nestas culturas.

Recoñezo que dende que me deu a neura con Candelabro estou un pouco in my Chilean era e son fácil de suxestionar, pero quedei prendado da historia e do xeito tan poético (o paralelismo do botón de nácar que lle dá título é fabuloso) co que o autor narra unha historia tan cruel e que aborda sen reparos como foron os voos da morte cos que o aparato de represión do réxime se desfacía dos opositores, vivos ou mortos, ziscándoos ao mar atados a vigas de ferro despois de telos sometido a múltiples vexacións. A escena na que se reconstrúe este procedemento lembroume moitísimo a unha de The Act of Killing na que un dos khmer vermellos narra como mataba ás súas vítimas. De novo, impacta a banalidade destes feitos, como se pode desposuír de tal maneira de humanidade a outras persoas.

Pecho xa, que non quero que todo tenda sempre á traxedia, o bloque ditatorial mencionado que estou a ler, despois de bastante tempo querendo comezalo, La llamada, de Leila Guerriero, un relato da vida de Silvia Labayru, muller militante dunha das organizacións revolucionarias durante a ditadura militar na Arxentina que foi detida, violada e torturada na Escola Mecánica da Armada en Bos Aires. Na ESMA. Un acrónimo terrible na memoria das miles de persoas que alí foron represaliadas por un réxime que compartía co chileno o emprego dos voos da morte e o sempre imprescindible apoio do pozo negro con forma de país que son os Estados Unidos en case todos os momentos da súa existencia. Volvendo ao libro, Labayru foi liberada pola propia ditadura, exiliouse a España, onde refixo a súa vida (non sen ecos incómodos do pasado, de propios e estranos), e, xa en tempos recentes, foi unha das mulleres pioneiras en denunciaren os crimes sexuais da ditadura.

Mentín involuntariamente co de que xa terminaba cos totalitarismos. Esquecinme de comentar que tamén puiden ver Un simple accidente, de Jafar Panahi, que foi unha das películas protagonistas do 2025 —Palma de Ouro en Cannes, nominada ao Oscar a guion orixinal, ademais de a película estranxeira (unha putísima merda de categoría, ao meu ver)—. Só lle coñecía a Panahi No Bears (Os osos non existen) e, a falta de indagar máis, esta última pareceume excelente. Excelentísima. Co telón de fondo da terrible represión do réxime dos aiatolás no Irán tece unha comedia de enredos amenísima na que, pouco a pouco, medra unha tensión e un suspense que estoupan nun tramo final simplemente inmellorable. Está escrita que dá gusto e paga máis ca a pena o visionado.

E… penso que xa iría estando. Fun a un feixe de concertos —Altin Gun na Capitol e Suede na Pelícano (un lugar horrible, se se me permite engadir), entre outros varios— e, relacionado cun deles, gustoume moito este texto de David Saavedra aquí en Substack. Escoitei bastantes discos deste ano e nada termina de facerme clic por completo ata o punto de me obsesionar. Creo que tamén é cousa miña, de estar en perpetuo momento e non ter tempo de ficar quedo para desfrutar; mais, de momento, non sinto un entusiasmo desaforado por nada. Por recomendar algo: Los Sara Fontán asinaron un disco que medra cada vez que volvo e pinta a ser das mellores referencias deste ano dende a vangarda e a experimentación, Bill Callahan deixou no seu folk espido algunha das letras máis tenras e/ou devastadores que teño sentido en tempo, underscores fixo o disco de pop (o do hyper- non o o teño tan claro) máis contundente do que vai de 2026 e a volta de Neurosis lémbrame que sigo a ser capaz de aprezar o que se fai no metal.

Dinlle non poucas voltas a que canción meter aquí. Tiña varias anotadas e mesmo algún texto incipiente sobre unha delas, pero non acababa de casar co mood desta publicación algo así como máis solemne da conta. Aparecerá axiña porque é un dos temas da miña vida, pero tamén o é este que traio hoxe.

Non me escondo e son consciente de que é difícil ser máis mítico á hora de falar de Franco Battiato que aludir a ‘Centro di gravità permanente’. Foi a súa (vai facer cinco anos de que finou, como pasa o tempo) unha carreira extensa, prolífica, de múltiples rexistros, difícil de resumir en poucas palabras. Sonme alleos moitos dos seus traballos, especialmente aqueles máis experimentais e progresivos dos primeiros anos 70, pero nas poucas e superficiais visitas que lle dei á súa obra sorprendeume sempre a súa capacidade para ser, a un tempo, liviano e trascendente.

Son as súas letras elaboradas, melodías inmediatas non exentas de complexidade. Un art pop de orfebrería que non perde o gusto polos retrousos inesquecibles. Este tema é o máis popular da que posiblemente sexa a súa obra máis canónica, ese La voce del padrone de 1981 no que comparte espazo con outras cancións preciosas coma ‘Bandiera bianca’ ou ‘Cuccurucucù’. Levaba moito tempo sen asomarme a Battiato e tivo que ser de novo un filme (última referencia da newsletter de hoxe) o que me achegase a el.

A escena final de ‘Maspalomas’ (película da que desfrutei bastante) despídese cunha imaxe preciosa do océano Atlántico mentres soa ‘La stagione dell'amore’, un tema que, confeso a verdade, non coñecía de antes; pero cuxo autor axiña identifiquei. É inconfundible ese timbre de voz, esa maneira de cantar. Os dun xenio da música ao que cómpre retornar de tanto en canto. Como reza (ou rezaba, non sei o seu estado actual) o icónico grafiti: Viva Franco… Battiato.

Over and over again.

Agardo estar de volta axiña por aquí. Como posiblemente non suceda aproveito para dar, máis unha vez, as grazas por ler e para expresar os meus mellores desexos (aguante Ramper!) ata a seguinte ocasión.

Read the original on xanela.substack.com

Comments

Nothing yet. Say the first thing.

    Sign in to join the conversation.