RSS Amplifier

Xanela · Aug 13, 2026

Eclipse total do corazón

0
Sign in to vote or save

Javi Ramos · Xanela

Esta publicación non debería ter existido. Botareille a culpa de vos volver molestar, por que a teña alguén que non son eu, a esta mensaxe de Miguel (unha das primeiras persoas, por certo, ás que coñecín grazas á Xanela e que me axuda a manter aínda a fe en que en internet pasan cousas boas) que abre o post. Levo meses deixando a medio facer textos nos que quero comentar máis cousas ou entrar nelas con máis detalle do que agora son capaz de abranguer; pero a ocasión merece rachar con esa dinámica de silencio.

Onte, era imposible non se decatar, houbo unha eclipse total de sol en boa parte do territorio da península ibérica. En Galicia, por exemplo, máis da metade do país puido ver durante arredor dun minuto este fenómeno astronómico que non se daba por estas terras dende había máis dun século. Un acontecemento dos tochos, vaia.

Cando hai máis dun ano autoridades, hostaleiros e outras partes interesadas na difusión das bondades do turismo comezaron a darlle bombo a esta historia e a todo o dispositivo que ían montar en torno a ela o meu primeiro sentimento foi de rexeitamento. Visitantes, eventos, parafernalias varias… a clase de iniciativas das que estou xa saturado e que me fan sentir unha distancia crítica con todo polo afán desmesurado de monetizar e sacar proveito de cada milímetro das nosas vidas. Todo é susceptible de se converter en espectáculo, todo reclama a nosa atención, todo é imprescindible e histórico. Unha saturación de estímulos que, polo menos a min, me fai sentir en moitos casos inerte e fóra de órbita.

Porén, había algo neste tema da eclipse que apelaba a algo íntimo dentro de min. Como bo rapaz un pouco nerd, criado sen internet e con demasiado tempo para se aburrir tiven unha etapa de amor pola astronomía. De ler libros destes ilustrados sobre planetas e outras caralladas galácticas (creo que eran dunha colección de National Geographic) que me compraban de pequeno para que queimara as horas e que, a dicir verdade, xa de cativo me facían quedar parvo coa inmensidade do cosmos. Era pouco menos ca maxia e, para o noso sentir cotián, cousas coma as estrelas, os buratos negros ou os sistemas solares a anos luz de distancia son pouco menos case que actos de fe. Movidas que disque existen, que están aí e que o consenso científico nos leva a non cuestionar por moito que escapen á nosa realidade cognoscible. Xa de adulto vin a actualización de Cosmos que se fixo hai cousa de década e media e volvín sentir parte desa fascinación pola inmensidade do universo e, tamén hai que dicilo, unha certa angustia existencial polo absurdo e carente de sentido da vida humana, pouco menos ca un accidente da historia.

Non quero poñerme hoxe, por unha vez, existencialista, senón todo o contrario; así que vou entrar xa en materia (sinto enredar tanto para as tres perrechadas que veño contar, algún día debería editar estes textos e non escribilos de madrugada a correr verborreico perdido). É importante emocionarse, é bonito, paga a pena e fai que o noso vagar por este mundo, que tende a se complicar máis da conta nalgúns casos, sexa máis levadeiro. Ten isto a ver coa eclipse de onte? Pois coido que si ten.

Dixen antes que axiña me afastei do entusiasmo pola eclipse nada máis ver como se convertía nun evento, nun novo ítem da infinita checklist na que as inercias sociais están a convertir de a poucos as nosas vidas. Bombardeo mediático, omnipresencia no discurso público e nas conversas privadas… era imposible escapar deste fenómeno nas últimas horas, días e semanas. Non fun capaz de sentir entusiasmo previo por moito que lese que ía ser algo espectacular e que nunca na vida ía ter oportunidade de vivir algo así en Galicia —que non en Compostela, onde a totalidade escapou por unhas poucas centésimas—. Ao final, como cadrou dentro do meu horario laboral (non é complicado cando es o pringado máximo da redacción) decidín non facer plans e velo como parte da miña xornada. De que outra cousa ía informar un mércores de agosto á tardiña se non da eclipse que paralizaba medio país?

Por mor disto, despois de dar bastante tumbos —estiven pola mañá na Estrada e a mediodía en Compostela— acabei no faro de Mera, dende onde a televisión e a radio galegas retransmitiron o evento en directo e onde as forzas de seguridade montaron un pequeno centro de control para supervisar posibles incidencias a conta da eclipse. Mera, para non iniciados en destinos vacacionais galegos, é un curruncho do Golfo Ártabro, preto da Coruña, que combina cantís de granito bastante espectaculares con xeitosiñas calas de area fina e segundas vivendas ben aqueladas nos arredores. Parece un sitio atractivo, non? Éo, obvio, pero é tamén parte de Oleiros, o municipio con maior renta por habitante de Galicia (onde goberna Alternativa dos Veciños grazas a Gelo, un tipo peculiar e que daría para falar bastante del, queda este vídeo medio viral de hai uns meses como mostra) e un imán para os nosos amigos fodechinchos nestas alturas do ano. Tiña algo de medo —e, de novo, a saturación de alertas e advertencias sobre os desprazamentos na xornada de onte non axudou a xestionar isto— con verme atrapado en atascos quilométricos, accesos cortados, bandeiras de España e historias varias; así que cheguei como dezaoito mil horas antes ao sitio e atopei que basicamente podía meterme co coche ata a cociña (non o fixen, fun algo respectuoso e deixeino preto, pero sen pasarme).

Pasei a tarde editando teletipos e escribindo o esquelete dunha crónica de carril coa que solventar a tarde laboral para así poder desfrutar e prestarlle algo máis de atención á eclipse, xa que alí me plantara para velo (cunhas gafas azul pepero subministradas pola Xunta con propaganda de Galicia Calidade e Xacobeo 2027 no acto de pola mañá porque son un desastre e negárame a preparar e mercar nada con antelación). Bastante xente, bastante expectación e unha certa sensación no ambiente de momento especial que, a dicir verdade, era contaxiosa.

A mensaxe de Miguel no Bluesky de máis arriba vai de emocionarse. Que foi? Paseino ben? Fun capaz de sentir algo dentro de min malia as miñas reticencias iniciais? Pois… si. E tanto que o fun. Xa dende os momentos anteriores á eclipse me fun sentindo entregado, pode que pola maxestuosidade da contorna, co mar bramando diante miña e a silueta dos edificios da Coruña recortando o horizonte, coa Torre de Hércules ergueita sobre o Atlántico nunha imaxe de postal, dunha beleza superlativa. Un escenario magnífico para unha casualidade astronómica que aínda agora sigo sen palabras para describir. E non será, xa o vedes, porque sexa tendente a escatimar nelas.

Non sei cantas veces na miña vida podo ter visto fotografías dunha eclipse. Cantos textos diseccionando este fenómeno podo ter lido. Xa só nas últimas datas. A parte racional que rodea este evento estaba máis que asimilada. Pero foi ver unha pequena mancha negra avanzando pola circunferencia do sol, notar imperfeccións e profundidade no que nas imaxes é un obxecto plano de dúas dimensións e comprender que non consistía en sabelo. Tratábase de vivilo. Reivindiquei non hai tanto —o carallo, foi hai dous anos e algo xa, que barbaridade— o das experiencias presenciais nos concertos cando me caeu a chuvieira do século vendo a PJ Harvey. Sentir a auga, os silencios, as conexións intanxibles que se tecen entre público, artistas e o ambiente que os rodea. Unha corporalidade especial, que apela a máis sentidos ca os hiperestimulados de vista e ouvido.

E todo isto tivo un clímax moi definido. O momento da totalidade. Ese intre de pouco máis dun minuto no que poder observar o ceo sen gafas e… alucinar. Estaba a desfrutar de toda a experiencia: da parafernalia das gafas, de ver como se cubría o sol e de sentir ese descenso térmico e ese solpor estrano; pero nada foi comparable ao momento de mirar cos ollos descubertos a algo que aínda non sei describir. Un sol negro, pero non dunha tonalidade calquera, senón dunha iridiscente, de brillos e xeometrías sobrenaturais e nunca antes presenciados. E arredor del un anel de filamentos ígneos, danzando no ceo, a atmosfera do propio sol, unha coroa ardendo a millóns de graos centígrados a unha distancia impensable de nós. Era un momento irreal, como fabricado con efectos especiais, máis propio dun filme de fantasía ou dalgún escenario final apocalíptico dun videoxogo. Unha marabilla, vaia.

Houbo xente ao meu redor que rompeu aplaudir. Berros. Abrazos. Expresións de incredulidade. Lin comentarios en redes facendo un pouco de broma co tema e comparándoo con emocionarse cando un voo comercial aterra con normalidade. E… podo compralo, pero, sinceramente, entendo a emoción. Un momento único, irrepetible e completamente abraiante. Está feo fiscalizar mostras tan espontáneas de admiración, de felicidade ou de sorpresa. Veño de ler hai nada o libro Hyperpop. El pop en tiempos de capitalismo digital, da xornalista francesa Julie Ackermann e, aínda que como me gustou moito é posible que cite máis cousas en futuros posts (se chego escribilos), quedei cunha reflexión que ten acerca de como termos coma cringe ou kitsch, aos que se podería engadir o aquí popularizado “charca” son “normalizadores”. No senso de que levan a unha uniformidade estética e ética, a unha singularidade de comportamentos dictados por algún criterio (a moral, o protocolo, o postureo) nunca ben definido e que tende cebarse precisamente ou co desfavorecido ou co discordante. Estou a saír un pouco pola tanxente (porque toca un tema do que quero falar e non podo reprimilo), pero o caso é que neste caso e por unha vez estiven de acordo co meme de Let people enjoy things (tamén é certo que por unha vez as things non son fascistas, senón unha eclipse toda guapa).

O caso é que mola emocionarse. Mola sentir. Mola vivir. Como non vai molar vivir (cando as circunstancias permiten facelo con dignidade) nun mundo no que pasan cousas tan espectaculares coma a que puidemos presenciar onte? O cinismo e a indiferenza son escudos, barreiras, proteccións que no día a día poden servir para se resgardar e que resultan ata naturais en determinados momentos; pero son tamén comportamentos alienantes, desmobilizadores e represores das nosas emocións. Detrás da ironía agóchase en máis dunha ocasión incapacidade para se ilusionar ou unha ferida por curar que impide facelo. Aínda que pode que haxa momentos na vida nos que igual o máis óptimo sexa permanecer dentro da coraza ou limitarse a tirar para diante en stand by, tamén é necesario saír e transitar por camiños con máis curvas, riscos e exposición.

Hai un equilibrio estrano entre madurez, compostura e atrevemento. Ben seguro que non se atopa neste post escrito dende a euforia, deitado na cama ás tantas da mañá co cerebro aínda revolucionado polo acúmulo de estímulos do día de hoxe. É máis, creo que cando comecei escribir quería contar outra cousa e perdinme polo camiño. As neuronas xa piden papas despois do tute de todas estas horas e creo que hai tempo que o escrito perdeu a pouca coherencia interna que puido chegar ter nalgún momento, pero falta unha última cousa antes de pechar capítulo.

Non podía ser outra. Escuso enredar dilatando que a protagonista desta sección nesta ocasión non é outra que Bonnie Tyler, a cantante galesa finada o pasado mes de xullo e intérprete desta iconiquísima ‘Total Eclipse of the Heart’, unha canción apropiadísima por motivos evidentes e tamén porque casa mellor que ben co espírito último deste post.

É un tema que axiña, e con acerto, poderíamos etiquetar como hortera. Sobreactuado. Impostado. Barroco. A clase de canción que soa nun traxecto de coche cando se perden as frecuencias e o dial da radio acaba nalgunha emisora comarcal ou na Kiss FM de turno. Un baladón de amor desperado, de afectos que doen e deixan pegada e cunha produción que, por si soa, deixa claro en que época temporal se fixo isto. Os putísimos anos oitenta.

Composta e escrita por Jim Steinman, o torrente vocal de Tyler é o que eleva á condición de clásico —número un en múltiples listas de múltiples países— unha canción que todos teremos escoitado, mal que ben, nalgún karaoke, nalgunha cea de Nadal, nalgunha voda con gustos musicais controvertidos. Un clásico pop completamente extemporáneo nestes tempos que corren. Recomendo especialmente a versión do disco (Faster Than the Speed of Night, de 1983) en vez da máis curta para a radio para aprezar os detalles que deixa Steinman nun tema que vai e volve, estoupa varias veces e no que sobre un piano machacón vai metendo detalles como sons dunha tormenta eléctrica, arranxos sobrecargadísimos, xogos de voces e o xa eterno “Turn around, bright eyes” mentres Bonnie Tyler declama.

Cando lin a primeira noticia de que iamos vivir un eclipse total de sol o primeiro que sentín na miña cabeza foi unha voz ouveando o retrouso desta canción, deixando a gorxa nese “I really need you tonight / Forever's gonna start tonight” que coroa o subidón instrumental de toda esa parte. Deume moitísima pena cando souben da noticia da morte de Bonnie Tyler, que aínda tiña setenta e cinco anos nese momento, porque érame indisociable ler nestas últimas datas “eclipse total” e non pensar nela. E, ademais, esta canción vén perfecta para o comentado algo máis arriba.

Once upon a time, I was falling in love
But now I'm only falling apart
Nothing I can do
A total eclipse of the heart
Once upon a time, there was light in my life
But now there's only love in the dark
Nothing I can say
A total eclipse of the heart

A maneira de sentir, o xeito en que se amosa a protagonista da letra da canción é excesiva. Desbordante. Carente de filtro. Forma e fondo son, vistos co tempo, horterísimas e demasiado fillos da súa época; pero, aínda obedecendo ao máis puro mainstream (lonxe está isto de ser unha obra que reivindicar dende as marxes) ten unha certa autenticidade que me atrae. A de non ter medo a se amosar, a ser intensa, a sacar as tripas de dentro e volvelas meter e logo coser en público. As baladas, os baladóns ao piano, foron un mal endémico que poboou a música comercial durante moitísimo tempo con algúns dos peores vicios de cada momento. Metaleiros con corazón sensible, artistas de hip hop suavizando beats e barras para se declararen, cantautores facendo as metáforas máis cutres e baratas posibles sobre as ganas que teñen de botaren un polvo… non é o marco creativo que máis e mellores resultados teña dado; pero confeso que si me gustan cortes coma este que, por méritos propios ou forza de repetición, causan esa atracción gravitatoria da que non se pode escapar.

Moita da música que escoito a diario é fría e hermética. Non é algo malo per se, creo que cada artista ten o seu discurso e a súa mensaxe; pero sinto que a capacidade para termos todo medido, a maneira na que controlamos como nos amosamos na vida real e na virtual, tamén leva a que a arte poucas veces nos cause reaccións viscerais. Tanto de adhesión —discos que me voen a cabeza sempre hai un par por ano, pero son a excepción dunha selección moi ampla— como de repulsa. Algo que nos guste tan pouco que nos faga mal escoitalo, que o odiemos. Cancións coma ‘Total Eclipse of the Heart’ si teñen máis sinxelo chegar a ese punto. Ou espanta ou cautiva. É dunha maneira concreta e éo a tope, ata o último extremo. Mola. Nun mundo no que todo é un sete, todo soa convencional e aceptable e ninguén dá a nota por facelo excesivamente mal as cousas son máis aburridas. Por iso me pareceu divertido e me interesou que a Pitchfork dese (xusto hoxe, como son as cousas) a súa primeira puntuación de 0.0. Foi ao disco de $tarface con Tyga e, aínda que non o escoitei e seguramente sexa unha castaña, a min xa me ganou. Polo menos en canto á atención para darlle a proba e ver que barbaridade atopo.

Histórico, a verdade

Ao mellor aquí só fala a ignorancia propia da distancia cunha época non vivida, pero boto de menos algo do exceso de Bonnie Tyler na música actual. Non dunha maneira nostálxica e performativa (a única forma en que se mira o pasado hoxe). Falo doutra enerxía. A que atopei e desfrutei moito no trap no seu día, malia o seu cinismo e outras problemáticas agudizadas co tempo. A que se lle pode imputar a un hyperpop que subvertiu códigos, imaxinou novas posibilidades e, ante todo, foi decididamente diferente, cunha nova forma de crear e de entender un sistema. Dándolle a volta dende dentro, aproximándose ao paroxismo, distorsionando o reflexo dos espellos. Nesas arestas, neses elementos de fricción, nesa incomodidade e nesa creatividade está boa parte do que me fai manter vivo o afán por descubrir máis. Ensanchar a mirada, ampliar o espectro, ir máis alá.

Viva Bonnie Tyler, sempre serás famosa!

And we'll only be making it right
'Cause we'll never be wrong
Together, we can take it to the end of the line

Moitas grazas a todas as novas persoas que vos incorporastes nas últimas semanas. É incrible ver como medra este espazo malia o pouco mimo que lle levo dado nos últimos tempos. A idea é prestarlle algo máis de atención, pero a vida ás veces vai máis rápido do que se pode seguir. En calquera caso: benvidos. Todo feedback é agradecido e, no caso das playlists que vaia compartindo, hai opción de accederdes a eles fóra do imperio do mal da música en streaming. Pedide alegremente de ser o caso. Apertas e vémonos axiña

Read the original on xanela.substack.com

Comments

Nothing yet. Say the first thing.

    Sign in to join the conversation.