RSS Amplifier

Xanela · Dec 26, 2025

2025 en 50 discos (II)

0
Sign in to vote or save

Javi Ramos · Xanela

Vén de:

2025 en 50 discos (I)

Ola! Vou cos seguintes dez discos, pero, antes de nada, un lembrete de que segue aberto o xogo para adiviñar o top5 deste ano e de que facelo (ou aproximarse moito) ten de premio un álbum dos da lista en formato físico. Podedes participar mediante o cuestionario ao que se accede nesta ligazón, mais con que me fagades saber a vosa predicción dun xeito no que me dea por enterado váleme. Vaivos unha axuda, a lista dos discos que quedaron ás portas deste top, nos postos do 51 ao 100.

E xa non enredo máis, que despois isto faise eterno:

Monóculo: 🧐🧐 (2/5)

Xénero: Synthpunk. Hard rock.

Para quen lle guste: Sisters of Mercy. Ilegales. Albert Camus.

Pode que haxa xente coas mans na cabeza despois de ver isto, incrédula de todo. Foi capaz a persoa deste planeta que máis ten dado a turra con Grande Amore, seguidor acérrimo e incondicional da banda, que conta o número de veces que os veu en directo por ducias e acosador case oficial de Nuno Pico poñelos nalgún outro lugar que non sexa o número un deste 2025? Pois, se quero ser honesto comigo mesmo fóra do personaxe, si. Non significa isto, nin moito menos, que III sexa un mal álbum; mais mentiría se dixese que non me sinto máis interpelado polos seus dous antecesores.

Neste terceiro lanzamento, Grande Amore (Nuno, Clara e María; Lucía tamén ás veces nos directos e agora parece que se incorpora Jacobo) van un pasiño máis alá no seu camiño de escuridade e rock and roll. Gañan peso os elementos lóbregos e case góticos (‘Lela’, por momentos, parece ser case blackgaze), as guitarras de hard rock e as capas de son que tapan voces fronte ás caixas de ritmo descontroladas e os sintes tolos anteriores. Só ‘Se te volvo a ver’ e a revisión dun tema anterior en ‘Contigo’ (descansa en paz, Jorge Martínez) lembran fielmente ese pasado previo e, malia o que poida indicar esta reseña, non é algo malo per se. É máis, estou lonxe de pensar que sexan do mellor do disco. Ficar quedos equivale moitas veces a morrer no plano artístico e quero saber máis do periplo que en Grande Amore están a emprender.

No primeiro concerto que vin desta xira, alá polo mes de marzo, merqueilles uns fanzines que fixeron explicando o universo conceptual no que se fixo este disco. Son divertidísimos (Nuno escribe xenial, é o autor da newsletter que deberiades seguir en vez desta) e inclúen unha lista de cancións que serviron de inspiración e das que é doado atopar ecos nos temas. Darkthrone, Bathory ou Ministry. Contra o que por momentos poidan facer pensar ‘Vou pa Arzúa’ ou os coros da turbonegresca ‘Ontes fun moi malo’, este III de Grande Amore non peca da pesca de arrastre que ben se lle pode imputar a outros grupos (quero incluír aquí unha mención crítica ao que perpetraron este ano os rapaces de La Paloma); senón que, todas as saídas posibles, optaron por subirlle ao medidor de escuridade e tebras. E oxalá o fixesen en aínda maior medida porque, habendo moitos Grande Amore, algúns de nós achamos a súa mellor expresión neses momentos en que baixan as revolucións e descenden aos infernos. ‘Fóra’, ‘Eu son a noite’ e un corte en concreto deste disco (máis no seguinte epígrafe) son posiblemente a mellor triloxía de cancións que teñen feito.

Sábeme un pouco mal o ton un tanto elexíaco desta reseña cando, en realidade, o meu idilio con estas músicas está lonxe de rematar. Cada visita a III foi, por si mesma, unha viaxe sempre desfrutada. Dende o comezo propio dun western sonorizado por Ennio Morricone de ‘O meu nome é ningún’ ata o remate atopo unha chea de momentos destacados que engrosan a antoloxía dunha discografía aínda sen mácula. Un cóctel de existencialismo e electricidade que me xera adhesións viscerais e apegos feroces. A quen non cando hai singles tan contundentes coma ‘Lonxe dos homes’? Teño ben claro que sigo a bordo deste barco e cheo de expectación polo que está por vir, convencido de que máis cedo que tarde farase certo aquel vello lema de ‘You can only trust yourself and the first six albums of Black Sabbath and Grande Amore’.

Unha canción: ‘Flor dun día’. Atrévome a dicir que é o mellor tema de todos os que levan feito. Mesmo existindo ‘Fóra’. A versión en disco é incrible de por si, pero os arranxos en directo, baixando aínda máis as revolucións e pisando terreos góticos, fana aínda máis especial. Teño un pensamento recorrente (que casualmente é tamén algo que comenta Nuno no fanzine): que tería feito Steve Albini con este tema? A lenda do underground finou só unhas semanas antes de traballar con Grande Amore e eu non son un grande mitómano, mais pensar no meu artista favorito producindo un álbum e esta canción en concreto co enxeñeiro de son de Rid of Me (entre outras setecentas mil obras mestras, aproximadamente) lévame a fantasear. A imaxinar cousas que nunca serán.

A vida ponme un caramelo
E xusto cando vou comelo rompe, ou doe, ou jódeme ou morre
Porque todo o que quero vivo
Morre, ou doe, ou jódeme, ou rompe, ou morre

A vida é unha animalada e non hai máis que facerlle. Lírica e musicalmente, creo que ‘Flor dun día’ encapsula á perfección o que son e poden ser Grande Amore como grupo. As dúbidas, os medos, a voz de Nuno emerxendo coma dun sepulcro, un loop angustiante. A imposibilidade constante de desfrutar en plenitude mesmo nas boas porque dentro dun hai algo, unha xenreira que roe por dentro e impide baixar a garda. A ansiedade. As voces que nos fan sentir imbéciles, inocentes e inútiles cando aquilo que desexamos marcha de onda nós. “E ao final era mentira / Eu sabíao pero estaba ben / Todo o que me dicía, todo era un flor dun día”. E morreu o tipo e ao carallo.

Monóculo: 🧐🧐 (2/5)

Xénero: Ambient folk. Dream pop.

Para quen lle guste: Beach House. A costa de Ortegal. Basear identidades en climas e paisaxes.

Seguro que todos no colexio ou no instituto estudamos algunha vez a sinestesia como figura literaria. Confundir sentidos e xogar á contradicción coa linguaxe é un recurso habitual, mais non é tan doado conseguir o que logra Maria Somerville neste Luster: facer da música realidades e paisaxes tanxibles. É un álbum que se pode escoitar co tacto, e que transporta, sen se mover un milímetro, á terra na que foi concibido. Néboas mestas, orballo, humidade no aire e nos corpos, verde no chan, cantís cuxa fin non se albisca e o mar, bravo e escuro, sempre no horizonte. É indisociable esta obra artística desa costa atlántica de Connemare, en Galway (Irlanda), de onde é orixinaria a autora e cuxos topónimos dan ata nome a algunha das cancións (‘Corrib’). É máis, esa conexión coa terra é o primeiro que resaltan reseñas coma a de The Quietus ou a de Pitchfork.

Luster é un disco de escoita contemplativa, que convida a flotar en cancións que envolven coma ‘Garden’, ‘Violet’ ou ‘October Moon’; construídas apenas cun par de notas en repetición constante. Unha viaxe sen se levantar do asento e unha das débedas coas que finalizo este 2025 despois de que me fose imposible ir vela ao concerto que deu en sala en horario de mañá neste último Primavera.

Unha canción: ‘Projections’. É unha saída fácil e socorrida empregar a palabra etéreo para falar deste álbum, pero a ver de que otra forma se pode describir de forma precisa esta sucesión de atmosferas tenues e voces entre o ASMR e o onírico. Ecos de Cocteau Twins e dos mellores Beach House neste fantástico single (“Projections of you / In my head”).

Monóculo: 🧐🧐 (2/5)

Xénero: Pop con toques de psicodelia.

Para quen lle guste: The Beach Boys. O litoral xamaicano. Lembrar o moito que lle cambiou a vida o Merriweather Post Pavillion.

Este ano 2025 finou Brian Wilson. Das grandes Bs da historia do pop (The Beatles, Big Star) os Beach Boys son infelizmente os que menos teño explorado. En parte por unha concepción a todas luces errónea da miña adolescencia de que non eran para min. Esas harmonías, esas voces agudas dobradas, eses arranxos pequenos, sutís e perfectos. Por sorte, a vida é unha aprendizaxe constante na que, ás veces, emendamos os nosos erros. Todo acaba caendo polo seu propio peso. Sigo a deberme a min mesmo un repaso exhaustivo da súa obra, mais xa son quen de admirar o seu traballo e recoñecer como é debido clásicos coma o Pet Sounds.

Non fai falta ser un entendido nin ter demasiada bagaxe para recoñecer a influencia de Wilson, familia e compañía en multitude de bandas posteriores e tampouco é complicado identificala neste Sinister Grift co que Panda Bear (alias artístico de Noah Lennox, integrante dos míticos Animal Collective) nos obsequiou neste 2025. Un disco que segue a liña de lanzamentos anterior de pop con toques de psicodelia e aires dub. Que soa, por momentos, ata anacrónico (de verdade ‘Ends Meet’ non foi concibida nos 60?). Un álbum propio dun verán fresco, non demasiado cálido, no que sentarse á beira do man mentres as cousas ao noso redor suceden amodo. Unha produción sinxela, pero repleta de detalliños e pequenos ornamentos que a fan, antes que nada, bonita. Desfrutable. Un espazo cómodo no que habitar e se relaxar.

Participan neste disco Sinister Grift, a modo de colaboradores, todos os integrantes de Animal Collective, mais desta volta non hai (a simple vista) maior complexidade e saturación de ingredientes. Están os elementos que teñen que estar, nunha perfecta e cómoda convivencia. Dando forma a cancións tan sensacionais coma ‘Just as Well’ ou ‘Elegy for Noah Lou’.

Unha canción: ‘Praise’. Un perfecto single de apertura, que resume toda a paleta sonora do álbum mentres Lennox reflexiona sobre a idea e as implicacións da paternidade e os coidados parentais. Ás veces menos é máis e este Sinister Grift é a proba. Again and again, and again, and again.

Monóculo: 🧐 (1/5)

Xénero: Indie pop.

Para quen lle guste: Sleater-Kinney. Vivian Girls. Tararear cancións.

Importante: non confundir con HorsegiirL. Phonetics On and On é o segundo disco de Horsegirl, un grupo estadounidense de pop de guitarras (de raca-raca, para quen prefira termos menos profesionais, aínda que desta volta baixen as revolucións). Despois dun meritorio Versions of Modern Performance publicado en 2022, Nora Cheng, Penelope Lowenstein e Gigi Reece volven andar pola prolífica senda da música feita a base de dobrar voces, guitarras, xogar con fraseos e ritmos e, sobre todo, entregar cancións contaxiosas cunha facilidade inusitada.

Producido por Cate Le Bon (que está nesta lista cun disco propio), Phonetics On and On publicouse en febreiro e ás veces penso que é esa distancia no tempo a que lle impide estar máis arriba neste top. Dígoo así porque agora nótome máis desconectado del, pero pasei as primeiras semanas da primavera obsesionado con esta colección de cancións, co prestoso raca-raca de ‘Rock City’, co riff de ‘In Twos’, coa calma de ‘Julie’ ou co ben que se complementan as diferentes voces. Non é un álbum (sorri Owen Williams) no que se sobrecompliquen as cousas, son cancións directas e efectivas, pílulas pop lista para o seu uso e desfrute. Que non se entenda isto como unha forma de rebaixar o disco. Ao contrario, é xigantesca a valía de cancións coma ‘Switch Over’ ou ‘Information Content’. Máis pausado e comedido, menos distorsionado ca o debut. E igualmente prometedor. Queda moita carreira por diante.

Unha canción: ‘2468’. Two, four, six, eight. They walk in two’s. Da-da-da-da-da-da. Foi o primeiro adianto deste Phonetics On and On e sentín unha conexión instantánea. Imposible non rematar tarareándoa dende a primeira escoita. Unha carta de presentación fantástica para un dos discos deste 2025.

Monóculo: 🧐🧐 (2/5)

Xénero: Americana. Alt-country.

Para quen lle guste: Jason Isbell. Wilco. As historias de amor máis grandes ca a vida.

You gotta put up with stranger people than you know now

Que absurda é a morte. Arrepíame só pensar nela. A perda é posiblemente unha das emocións máis devastadoras que pode experimentar un ser humano e, en moitos casos, transforma como vemos un mundo composto por sitios e xente que xa non existen. No caso de Alan Sparhawk, o pasamento en novembro de 2022 de Mimi Parker, a súa compañeira de vida e de proxecto artístico en Low durante décadas, tivo un fortísimo impacto, tanto no plano personal como na súa carreira musical. “Low is and was Mimi. It was amazing. I’m grateful” escribiu, nunha breve mensaxe en Twitter que finiquitou un dos proxectos de slowcore e experimentación sonora máis estimulantes que ten habido en tempos recentes.

Heaven
It’s a lonely place if you’re alone
I wanna be there with the people that I love
Maybe someone that you’re waiting

A pegada desta perda non se limita a iso, senón que Alan entregou en 2024 White Roses, My God, que ten a dubidosa de honra de ser o disco de tempos recentes que máis me incomoda escoitar. Está feito de beats retorcidos e cantado con voces distorsionadas, apitufadas, que fan que sexa unha experiencia insoportable. Comprendo que é unha expresión da dor que leva dentro e paréceme interesante un traballo así como terapia, pero no auditivo é unha tortura. Despois desta catarse, enténdese mellor un álbum coma este With Trampled by Turtles, onde Sparhawk se alía coa formación de bluegrass do mesmo nome para elaborar algo ata certo punto inesperado: un disco de americana, folk e alt-country.

Dende as primeiras notas de ‘Stranger’ (unha fantástica carta de presentación), queda marcada a dirección na que vai ir este álbum: pasaxes acústicas, emotividade. Cancións coma ‘Get Still’ e ‘Heaven’ xa estaban presentes en White Roses, My God e aquí, vestidas con outros traxes e liberadas de cargas, dan conta do inmenso talento compositivo de Sparhawk. No anterior álbum eramos voyeurs dun dos momentos máis baixos e delicados da vida dunha persoa. Agora esta albisca a luz fóra dese túnel aínda que na alma vaian quedar cicatrices para sempre (“When you flew out the window and into the sunset / I thought I would never stop screaming / I thought I would never stop screaming your name”, canta en ‘Screaming Song’ unha das escasas incursións bordeando o experimental do álbum). Alan está a sanar e xa só por iso este disco, rodeado dos seus amigos, é unha magnífica noticia.

Unha canción: ‘Not Broken’. Tan fráxil que parece estar sempre a piques de se romper. Outra interpretación fondamente sentimental, esta vez sobre un tema no que Parker e Sparhawk traballaron durante tempo antes de ela morrer e que agora recupera cun retrouso cantado, coma se fose Mimi en Low, por un dos fillos da parella. Todo queda na casa. Imposible non sentir un baleiro frío no peito cada vez que se entona ese “It’s not broken, I’m not angry”.

Monóculo: 🧐 (1/5)

Xénero: Synthpop. Disco.

Para quen lle guste: Pet Shop Boys. Jessie Ware. Saber deixar as cousas a tempo.

Hai algún motivo absurdo polo cal intentei cargarme en varias ocasións este disco da lista final. Supoño que para que non se me visen as carencias á hora de falar sobre un grupo histórico que asinou un excelente disco de despedida e do que tiña e teño cero nocións alén dun par de cancións escoitadas nalgún momento inconcreto. O caso é que, cada vez que lle din a reproducir este International, en vez de desaparecer, ascendeu pola clasificación ata afianzarse como un dos discos que máis me gustou deste 2025. É un disco que desarbora calquera resistencia porque dificilmente se pode facer máis e mellor pop ca nestes tres cuartos de hora repartidos en doce cancións.

Convidados de excepción, que inclúen aos Confidence Man, a membros de Depeche Mode ou de The Chemical Brothers, desfilan por un disco no que, dende que comeza ‘Glad’ con eses sintes disco a premisa está clara: “Now it′s time to live and move to the rhythm of heartbreak / Now it’s time and dance, dance, dance ′til the morning comes” canta Sarah Cracknell en ‘Dancing Heart’, un dos cortes destacados do álbum. Hai un tramo polo medio, o que vai de ‘Sweet Melodies’ a ‘Brand New Me’, no que Saint Etienne atravesan todo o espectro do pop, atopando espazos para a calma e coller folgos e funk (‘Save It for a Rainy Day’) para bailar por toda a eternidade. ‘Take Me to the Pilot’ sorprende cunha parte final desenfrenada e ‘Why Are You Calling’, aínda que pareza versar sobre unha ruptura, deixa tamén unha mensaxe para o grupo dende a pista de baile: “If it's over, why you calling me again?”. Oxalá saber pechar así de ben e a tempo todas as etapas.

Unha canción: ‘The Last Time’. O último corte do último disco de Saint Etienne. Unha carga emocional xigantesca sobre calquera tema que ocupase esta posición e, que neste caso, este leva coa dignidade da letra dun grupo que repasa o seu pasado e o seu presente tras máis de tres décadas enriba dos escenarios. For the very last time.

Monóculo: 🧐🧐🧐 (3/5)

Xénero: IDM con trazas de neoclásica e free jazz.

Para quen lle guste: O amigo Richard David James. Encadear un concerto sentado nun auditorio cunha noite nun club subterráneo.

Dos propósitos que me marcara para este 2025 non cumprín moitos, pero si conseguín que fose o primeiro ano no que lle prestei unha atención seria ao mundo da electrónica (así, en amplo e en abstracto e sen precisar entre setecentos subxéneros). Fáltame moita bagaxe, pero a base de incursións cada vez máis frecuentes e prolongadas (incluíndo unha primeira visita ao Mira Festival e o celebrado regreso do WOS) acabei dándolle case tanto peso nas miñas escoitas ao mundo da cacharrería coma ao das guitarras. Nos postos do 51 ao 100 desta lista hai bastante material intersante que quedou ás portas de entrar (Oneohtrix Point Never, Efdemin, Tren, Death in Vegas, os Sandwell District, Voices from the Lake, etc.), pero o primeiro que aparece nesta selección definitiva é o amigo Felix Manuel, máis coñecido polo seu alias artístico Djrum.

O seu disco é un traballo que combina a formación clásica do artista como pianista e compositor coa súa prodixiosa capacidade (a sesión de dúas horas que se marcou na Sala Capitol durante o WOS foi un espectáculo de saltar entre xéneros pinchando en vinilo con tres platos) como dj e produtor. É este Under Tangled Silence un disco que arrinca calmo, mecido en arpexos suaves de piano en ‘A Tune for Us’. Axiña dá paso a ‘Waxcap’ e amosa cal vai ser a tónica xeral deste álbum: a alternancia de pasaxes ao borde do neoclásico ou do free jazz con estampidas IDM de ritmos crebados, breaks e percusións descontroladas. De deitarse nunha hamaca a refrescarse sentindo na cara unha suave brisa (‘Unweaving’ ou ‘Hold’) a verse atrapado nunha espiral progresiva en ‘Galaxy in Silence’, ‘Three Foxes Chasing Each Other’, ‘Out of Dust’ ou ‘Let Me’. Un disco que agradece segundas, terceiras ou infinitas visitas para desfrutar dos mesmos trucos e aprezar neles novos matices, novas arestas desta electrónica cubista e revirada.

Unha canción: ‘Sycamore’. A encargada de pechar unha viaxe de algo máis dunha hora. Un corte iniciado a tope de BPM que se vai a máis de once minutos para culminar o presentado por Djrum ao longo de todo álbum. IDM progresiva, expansiva, da que sempre colle a pé cambiado. Nos sicómoros de Twin Peaks atopábase a porta ás dúas loxias. O de Under Tangled Silence tamén parece ser un portal a mundos diferentes a este.

Monóculo: 🧐 (1/5)

Xénero: Alt-country.

Para quen lle guste: Silver Jews. Neil Young & Crazy Horse. As camisas de franela.

Dous de dous dardos na diana. Paréceme tremendo que un dos proxectos de alt-country (un dos xéneros musicais máis propios dos Estados Unidos) máis estimulantes que existe hoxe por hoxe sexa orixinario de Norwich, unha pequena cidade inglesa a miles de quilómetros do novo continente. Como cando reseñei aos Ducks Ltd. e non era capaz de entender que non fosen australianos. Brown Horse xa entraron na lista de cincuenta discos desta newsletter o ano pasado grazas ao excelente Reservoir e volven atopar un oco en 2025 con All the Right Weaknesses; un traballo que percorre camiños semellantes aos do seu antecesor, bordando de novo o xeito en que o fai. Melodías emocionantes, interpretacións sentidas, cancións xeniais. Abonda con darlle ao play e sentir os primeiros compases de ‘Verna Bloom’ para saber que este é un disco no que atopar a banda sonora de vidas enteiras.

Admito que este é para min, non o escondo, un xénero case que fetiche, en cuxos marcos e tanxentes se poden encadrar moitos dos meus grupos favoritos na actualidade, coma (spoilers desta lista ahead:) Wednesday ou Big Thief. Música para conducir coas ventás do coche baixadas admirando as paisaxes arredor (a poder ser verdes e de montaña), que pór deitado no sofá baixo unha manta cos cascos na procura da relaxación, que cantar cando ninguén máis escoita. Un lugar seguro, un refuxio fronte ás adversidades e que sempre é fogar, con independencia das circunstancias. Un ao que non volvo, de aí este posto 33 a todas luces insuficiente, todo o que debería, pero ao que sempre é pracenteiro e renovador chegar. Como dicir que non a cancións coma ‘Radio Free Bolinas’.

Unha canción: ‘Dog Rose’. Unha roda de acordes e arpexos que vén e vai, que vai e vén e sobre a que o cantante Patrick Turner recita as estrofas ata que, pasado o terceiro minuto, se inflaman as guitarras e a electricidade toma o protagonismo. E logo volta á calma ata un último e magnífico retrouso: “The distance between time is fortified / The reason the trees metamorphosize”. Espléndidos cinco minutos para definir toda unha proposta.

Monóculo: 🧐🧐🧐 (3/5)

Xénero: Hardcore punk.

Para quen lle guste: Converge. A vigorexia. Rifar a moto e a Play sen ter nin entrada.

Da clase de discos que cos primeiros quince segundos abonda para saber a quen lle van gustar e a quen non. The Armed abren THE FUTURE IS HERE AND EVERYTHING NEEDS TO BE DESTROYED (nunca unhas maiúsculas foron TAN necesarias) cos berros e os hostiazos instrumentais de ‘Well Made Play’ deixando claro de que vai o tema. Mirá lo que es esto. Mirá lo que es esto. Esto es The Armed, loco. DALE, THE ARMED. Podería un pensar que é imposible aguantar a media hora escasa que dura este álbum co pé tan pisado a fondo no acelerador, pero é que axiña chegan ‘Purity Drag’ e esa consigna coreable de “Purest of them all, nothing is my fault” para confirmar que vai ser un percorrido acelerado e sen tregua.

Hardcore abrasivo, melodías contundentes e unhas interpretacións vocais que traspasan os límites da cordura. Cancións a vida ou morte (‘Kingbreaker’, ‘Grace Obscure’), punk esquizofrénico, un mundo a piques de colapsar. The Armed xogaban en Ultrapop (2021) a inventar un novo xénero e a definir o rock de estadio do futuro en Perfect Saviors (2023). Neste último traballo o experimento bebe do espírito olímpico: máis alto, máis forte, máis rápido. Once tiros de gracia contra a indiferenza en forma de cancións. É certo que cando chega ‘Sharp Teeth’ hai un breve respiro, unha baixada de revolucións que permite aprezar, mentres soan riffs que xogan a ser dos Red Hot Chilli Peppers, as primeiras voces limpas de todo o álbum entonando posiblemente a letra máis escura: “Can't you see I'm such a wreck? / A puppet pulled by unseen hands / Barred of dreams, yet bound to rest / I've got war inside my head”. No retrouso, iso si, impera de novo o caos e o ruído.

O tramo final de THE FUTURE IS HERE AND EVERYTHING NEEDS TO BE DESTROYED amaga con ser máis coitado cando en ‘Heathen’ The Armed son, por un momento, tenros, doces. Soa de fondo un saxofón. Pasou a tormenta? Para nada. É o ollo do furacán, resta a derradeira tempestade coa que pecha o disco ‘A More Perfect Design’. Titus Andronicus in memoriam, ventos de categoría 5. Intentei tomar apuntes sobre este tema varias veces para esta reseña e só conseguín escribir palabras inconexas en maiúsculas e acabar a cabezazos co teclado.

Don't let it make you go numb
Don't let it dull your compassion
Don’t let them tell you you're wrong
Don't let them claim this is balance, no

Unha canción: ‘Local Millionaire’. Acepto, comprendo e respecto que a distorsión extrema deste álbum en moitos momentos se pode facer costa arriba para quen non queira xogar a ese xogo. Agora ben, éme difícil encontrar reparos para un tema coma este, no que as partes máis limpas conviven coas explosións emocionais que The Armed bordan nesta entrega. Hardcore will never die, but you will.

Monóculo: 🧐🧐 (2/5)

Xénero: Folk con cousas.

Para quen lle guste: Silvia Pérez Cruz. A vertente folk de Rosalía. Maria Arnal i Marcel Bagés.

O moito que dan de si o folk e as reinvencións que parten da tradición. Hai unha chea de artistas con proxectos interesantísimos recollendo identidades e sensibilidades por toda a Península Ibérica e, de todos eles, este Robina, de La Maria, é ben seguro un dos que máis me chamou a atención neste 2025. Dende Oliva (València), e tamén vencellada a Galicia, Maria Bertomeu i Soria presenta unha sorte de álbum conceptual: un que conta a historia de vida, culto e adoración a Robina, unha virxe inventada que ela crea cun rubí por corazón, endurecido por tantas malas experiencias amorosas.

Una deessa plorava
I amb llàgrimes regava
Tota la seua misèria
És una perla molt fina
Vestida de papallona
I bonica i brillant de fandangos

Composicións, coma ‘Deliqui’, sostidas esencialmente nunha voz marabillosa, cun rango asombrosa e un timbre de porcelana; que se eleva dende uns soportes folk de tenues impulsos electrónicos. Castañolas, pianos, guitarras e percusións. Robina divídese en tres partes, relacionadas cos procesos que atravesa unha persoa tras unha ruptura sentimental. Unha decisión, conta Maria nunha entrevista con Mondo Sonoro, que motivou discusións cos produtores pola secuenciación do disco, pero na que terminou impoñéndose a súa visión artística.

A mi no em fa por la vida
Tu tens por de veure'm viva
Jo sé d'on vinc, com he plorat
I és que no pots fer-me mal

Parece a mellor das solucións, xa que nos vaivéns deste disco, neses movementos pendulares de atrevemento e introspección pálpase tamén o sentir de quen atravesa o dó. Ademais, todo parece orbitar sobre ese tema central e case epifánico que é ‘Consagraciò’ (“Sabíem que no podríem suportar este amor / Este amor em torna a mi / Este amor em torna a mi / Sabies que em feries / I jo, jo m′he fet mal / I, i jo, jo m'he fet mal”). Non é, con todo, unha canción que opaque ao resto de acompañantes neste disco, xa que aquí atopamos, que me perdoe Rosalía, a verdadeira ‘Perla’ deste 2025 (“Mira, xic, soc la perla del País / Quan sempre estàs trista, els dies bonics són més bonics”), xunta de momentos tan brillantes como ‘La meua Maria Rita’ ou ‘Adoració a Robina’. Nun ano de debates insípidos sobre o repregamento relixioso da nosa sociedade segue a haber arte que bebe desa corrente de séculos previos para logo crear obras conmovedoras, especiais, trascendentes.

Unha canción: ‘Qui s'ha inventat l'amor?’. Que mo explique, que non o entendo, que a min faime mal, que me doe e me fai chorar. Unha explosión musical e de sentimentos, sen filtros nin tamices: “I tinc els genitals еxtirpats / Per tal de no sentir / Ni sеntir ni desitjar”. Unha canción total. Roig cor, roig sang, roig robí.

2025 en 50 discos (I)

2025 en 50 discos (II)

2025 en 50 discos (III)

2025 en 50 discos (IV)

2025 en 50 discos (V e final)

Read the original on xanela.substack.com

Comments

Nothing yet. Say the first thing.

    Sign in to join the conversation.