RSS Amplifier

Xanela · Dec 21, 2025

2025 en 50 discos (I)

0
Sign in to vote or save

Javi Ramos · Xanela

Ola! Tiña pensado voltar antes por aquí, pero como sucede sempre que comezo esta lista prolongouse a historia. Os xa habituais saberedes de que vai isto, pois é a terceira vez que me meto neste lío en decembro, cada ano complicándome máis a vida. Vou intentar resumir o que foi o meu 2025 en música valéndome de cincuenta discos, xerarquizando a súa orde de aparición polo moito que me gustaron, a relevancia que vexo neles ou calquera outro motivo que atope pertinente. Non é un concurso de habilidade musical, popularidade nin valía; simplemente a fotografía das miñas preferencias nun momento dado. Pode que dentro duns anos, duns meses ou de só uns días me arrepinta de certas decisións; mais neste tempo presente é a selección coa que máis representado me sinto.

Sempre digo que podería atopar motivos para defender calquera dos incluídos coma o disco máis importante do ano para min, aínda que é certo que conforme se avanza na lista máis doado me é argumentalo. En base a isto, decidín crear un pequeno xogo (cun pequeno premio) para facer este repaso máis interactivo e non reducilo a un soliloquio coas miñas movidas. O top 5 da Xanela en 2025 ten premio. Como? Pois explico rápido e vou xa coa lista.

Trátase de adiviñar que cinco discos publicados neste ano natural están incluídos nel e, de ser posible, tamén en que posición. Acertar cada un dos álbumes outorgará un punto, que serán tres no caso de que o voso prognóstico tamén sexa correcto en canto á posición que ocupan. Como bonus, no caso de que algunha resposta inclúa os cinco seleccionados, aínda que non acerte a orde, sumará outros tres puntos a maiores. Haberá un criterio de desempate: no caso de que dous participantes sumen a mesma cantidade de puntos, terán medio punto extra por cada disco que non acertasen pero si estea incluído no top 20 deste ano. Se aínda así se mantén a igualdade, o premio será para quen antes enviase a súa predicción.

E cal é este premio? Pois… sendo unha lista de discos o pertinente é que sexa un dos que integran a mesma. En formato físico. A idea é que sexa un dos que precisamente conformarán ese top 5, pero xa me porei de acordo con quen lle toque para aquelar eses detalles. O que me interesa é poder ter algo de feedback de paso que fago estas publicacións, así que anímovos a participar, aínda que sexa só por compartir cal foi a vosa lista ou da maneira que sexa.

Como se envían as prediccións? Fixen un formulario destes de Google (sentídevos libre de compartilo con quen queirades) para facilitar o proceso e ter todo ordenadiño, pero tendo en conta que aquí nos coñecemos todos váleme que me escribades por WhatsApp, por redes, que me poñades un mail, que me deixedes un comentario neste post ou nos seguintes. Non sei, tanto me ten. Prefiro que vaiades polo rego, pero non vou ser quen coarte a vosa liberdade.

Un último consello: non fagades caso do publicado, do dito nin do votado. Teño conta en espazos coma Rate Your Music e Record Club e tamén emprego Last.fm dende a prehistoria, pero a actividade neses sitios non se traslada cen por cen a esta lista, xa que aínda que poida servir para orientarse (un disco que non votei ou que votei mal non vai ser o primeiro) tamén pode levar á confusión. Sei que neste xogo parte con vantaxe a xente da comunidade de Hipersónica, porque son con quen máis comparto gustos e opinións, pero non significa que estea cen por cen pechado para eles. Sempre hai marxe á sorpresa (na vida tamén). Vai xa a primeira tanda da lista!

Monóculo: 🧐 (1/5)

Xénero: Punk. Riot grrrls.

Para quen lle guste: Bikini Kill. IDLES. Discutir de política en internet.

Non é sinxelo pechar estas listas. Resulta un tanto absurdo darlle voltas á cabeza pensando en que disco foi o número 51 do ano (que, se tedes interese, foi o de Oneohtrix Point Never) e cal vai ser o 49. Pero si me gusta que o 50, o primeiro que ve quen entra ler isto, teña un certo significado e algo de mensaxe detrás. E creo que como carta de presentación da Xanela neste 2025 musical non hai mellor elección posible ca as Lambrini Girls e o seu debut en formato longo Who Let the Dogs Out. Mala hostia, humor acedo e punk acelerado para xente cronicamente en liña. Unha labazada en forma de disco que asina un power duo de Brighton tan divertido coma necesario.

As letras das Lambrini Girls son panfletarias, pero entendendo este adxectivo coma unha virtude. Breves. Concisas. Directas. Hai unha frase na reseña do seu álbum na Pitchfork que resume ben de que vai a xogada: “In other words: They're here, they're queer, and they don't take themselves too seriously—unlike some of their self-righteous punk neighbors. A ligazón, si, leva a páxina de IDLES dentro da revista. Unha banda coa que comparten nacionalidade, implicación política na súa música e mesmo coordenadas sonoras, pero se Joe Talbot e compañía pecan de dárense demasiada pompa as Lambrini son todo o contrario. Desprenden outra enerxía, unha que converte nunha festa cancións contra as institucións policiais (‘Bad Apple’) ou as masculinidades tóxicas (‘Big Dick Energy’) e que deixa frases para enmarcar, a conta, por exemplo, de Kate Moss e os trastornos de conduta alimenticia en ‘Nothing Tastes as Good as It Feels’: “Kate Moss gives no fucks that my period has stopped / I wish I was skinny, but I'll never be enough”.

Se non están máis arriba nesta lista é porque é certo que non inventan a roda (tampouco fai falta) e porque nun disquiño breve de media hora e once cancións hai momentos non sempre tan redondos; pero son un grupo xa imprescindible dende que, despois de varios EP, editaran este álbum de debut en xaneiro.

Unha canción: ‘Company Culture’. Tiven a sorte de que me cadrou poder ver en directo ás Lambrini tres veces en menos dun trimestre. Digo sorte porque, como era de imaxinar facendo a música que fan, os concertos son vibrantes e bastante tolos. Pogos, saltos, coros e mil e unha mensaxes políticas. De entre todas elas, unha das máis contundentes é, sen dúbida, a que garda esta canción. Un alegato contra o machismo e as discriminacións sistémicas en entornos laborais: “Blondes have more fun in company culture / Pretend that I know how to use a computer / Harassed in the workplace / My cold resting bitch face / When will I learn that men just do it better?”.

Por certo, un amigable lembrete: o tempo de lecer é un dereito revolucionario. Facede bo uso del.

Monóculo: 🧐 (1/5)

Xénero: Power pop. Jangle pop.

Para quen lle guste: Sugar. The Smiths. The Wedding Present.

Teño a convicción de que a Owen Williams, cantante de The Tubs, non lle gustarían nadiña moitos dos discos que faltan por reseñar nesta lista. Partindo da súa experiencia na escena indie británica, Williams escribiu hai uns meses xa un texto na súa newsletter (moi recomendable, por outra parte) que comezaba cunha afirmación categórica: “There is a spectre haunting British music: prog”. Neste escrito, razoaba que a música “alternativa” das illas está inmersa nunha deriva de experimentación e sofisticación que, en moitos casos, leva a facer as cancións demasiado complexas e a deixar de lado as melodías e os sentimentos. A publicación pódese ler como unha emenda á popularidade da escena Windmill da que emerxen grupos moi apreciados na Xanela como Black Country, New Road ou Squid. Conto a historia deste pequeno beef de nicho (que non é o tanto, o propio Williams louba o último disco dos BCNR no seu texto) porque creo que axuda a entender por onde flúe este Cotton Crown.

Na portada do álbum pódese ver unha foto da nai do cantante, Charlotte Greig, crítica musical e tamén artista, entre outras moitas facetas, dándolle de mamar a Owen cando este aínda era un bebé. É unha foto cun valor sentimental importante porque esta muller quitouse a vida en 2014 e un dos temas centrais deste Cotton Crown é tamén o saber lidar, aínda dez anos despois, coa perda e o dó. Williams en certa medida faino a través das súas letras, sentimentais e repletas de emocións, que acompañan a unhas melodías cristalinas e aceleradas. Jangle pop do máis puro, do que aspira a deixar atrás a melancolía en cancións das que parece manar vida a cachón.

‘Strange’, o tema que pecha este disco, entra directamente a falar do suicidio da nai e de como afrontar algo así: “Sometimes when everyone's high / They ask me what it's like, if I'm alright / I say it makes me more interesting / Thеn we laugh and then it's all fine”. Que estrano é todo, que estrano teño sido, repiten os retrousos. Con todo, non é un álbum autobiográfico nin marcado pola pena. O segundo disco de The Tubs exuda vida, cancións de amor e de ruptura fermosísimas (‘Freak Mode’ ou ‘One More Day’), outras sobre odiarse a un mesmo (‘The Thing Is’) e case todas elas (‘Chain Reaction’ como a mellor mostra) son incriblemente contaxiosas. Contaxiosas para cantalas e contaxiosas para, sen ignorar que as cargas que levamos nas nosas mochilas, perseverar no intento por saír adiante.

Unha canción: ‘Narcissist’. É un tanto curioso que traia para destacar xusto un dos temas que máis se asemella aos que Williams firma noutro dos seus proxectos paralelos, Ex-Vöid, cos que tamén editou un disco este ano (que está de #78 nesta lista, se alguén precisaba sabelo).

Sick of the vibe in my room
Sick of the flowers all in bloom
Sick of my friends telling me all the things that I could do
Sick of London
Of seeing all this through

Uns primeiros compases que soan a clásico instantáneo de The Smiths e un xogo de voces masculina e feminina simplemente perfecto son as dúas grandes bazas desta canción para ser, ao meu ver, o punto álxido deste Cotton Crown e, sen dúbida, un dos mellores singles deste 2025.

Monóculo: 🧐🧐 (2/5)

Xénero: Art pop.

Para quen lle guste: Cocteau Twins. David Bowie. The Velvet Underground.

Segundo disco consecutivo que chega a este top dende Gales. E, ao igual que no caso de The Tubs, tamén é un álbum no que as rupturas sentimentais xogan un papel importante. Cate Le Bon, tan coñecida polo seu papel como solista como polo seu rol como produtora (Deerhunter, Horsegirl ou Dry Cleaning), explora neste Michelangelo Dying un dos temas máis tratados na historia da arte. A idea inicial era que este disco vise a luz en 2024, pero, segundo conta ela mesmo nunha excelente entrevista con Laura Snapes para The Guardian, este proceso deixouna demasiado exhausta como para meterse nesa aventura nese momento. Con todo, máis que sobre unha persoa concreta, este Michelangelo Dying fala de volver atoparse un mesmo nese proceso de dó despois de depositar tantas esperanzas e enerxías nunha relación. “A ruptura é sempre como unha amputación que ti non queres, mais sabes que te vai salvar”, declara Le Bon na conversa con Snapes.

Diso dan conta as súas letras nun álbum cheo de atmosferas herdeiras dos mundos oníricos dos Cocteau Twins, entre guitarras líquidas, reverb por todas partes (‘About Time’) e estupendas seccións de cordas e ventos coma, por exemplo, as do tramo final de ‘Love Unrehearsed’. Nese éter flota a voz dunha Cate Le Bon que recita versos que tenden á abstracción, pero que deixan patente ese estado emocional posterior á ruptura de incertidume, oportunidade e nostalxia. Todo a un tempo.

Unha canción: ‘Is It Worth It (Happy Birthday)?’. En moitos casos, unha ruptura non supón só a fin dunha relación cun ser querido; senón tamén perder o contacto con moitos outros. É por iso que me parece especialmente brillante esta estrofa deste tema (“I thought about your mother / I hope she knew I loved her”) á hora de captar esas outras pequenas perdas que sufrimos no medio dunha maior.

Monóculo: 🧐🧐 (2/5)

Xénero: Nu metal. Haberá quen diga que shoegaze.

Para quen lle guste: Ter varias copias da mesma peza de roupa. Os pantalóns cargo.

Vaia por diante que sinto aversión case que patolóxica cara a case toda a música que se pode enmarcar no que se deu en chamar nu metal. É certo que Deftones sempre retiveron un maior prestixio entre a crítica e o público ca outros compañeiros de escena coma Limp Bizkit ou Linkin Park, mais, por moitas oportunidades que lles din, nunca fora capaz de entrar no seu universo. Captaba a idea de fortes riffs de guitarra, muros de son e emocións desmedidas (sendo a principal delas Chino Moreno cantando cachondo perdido), pero nin as obras máis canónicas coma ese White Pony me acabaran nunca de facer clic. Non foi por non intentalo, dende logo.

Así era que o anuncio deste private music me collía con expectativas bastante baixas e pouca pinta de que fora gustarme, mais dinlle unha volta a conta de que me estaban a chegar comentarios positivos do álbum. Pois ben, outro cambio de opinión pola miña parte. Teño pendente volver mergullarme con estes novos ollos nos Deftones de canda o cambio de século, pero este disco si me encandilou. Dende o primeiro momento en que o contundente inicio de ‘my mind is a mountain’ deixa patente que puideron pasar os anos, pero non minorou a potencia da banda.

Nun ano en que case non desfrutei de ningún dos novos lanzamentos de metal aos que lle metín o dente (e iso que Messa e Tómarúm tiñan todas as papeletas para me agradar), foi do nu metal de onde rescatei un dos álbumes destes últimos doce meses. O certo é que o tempo ten tratado ben a obra de Deftones, que mesmo gozan de certo éxito viral en plena auxe do shoegaze entre a rapazada. Supoño que a arte, e a vida, avanzan en movementos pendulares e que máis cedo que tarde todo o mundo ten o seu merecido momento de gloria. Non é fácil, en calquera caso, porlle reparos a un disco con temas tan incontestables coma ‘ecdysis’, ‘infinite source’ ou ‘cXz’. E diredes: non son o mesmo que facían antes e non che gustaba? Pois pode ser. Menos de cinco contradicións son dogmatismo, non?

Unha canción: ‘milk of the madonna’. Está o sempiterno debate de se Deftones son ou non nu metal. A min paréceme imposible negalo existindo temas coma este, por moitos matices que logo se lle queiran por. A canción foi un dos primeiros adiantos de private music e, mal que me pese a autoemenda, sendo a fórmula de sempre é un completo canón.

Monóculo: 🧐 (1/5)

Xénero: Indie rock.

Para quen lle guste: Liz Phair. The Breeders. Unha Lana del Rey neorrealista.

Penso que é a primeira artista que repite despois de ter estado nunha lista anterior da Xanela (spoiler: non vai ser a última). No 2023 o disco homónimo de debut de Blondshell pilloume bastante por sorpresa e acabou bastante alto no top con esas guitarras incendiadas para enfatizar as historias de autodestrución dunha cantautora cun talento inmenso para verter vivencias persoais peliagudas nas súas letras. Desta volta, a receita é a mesma e, aínda que se difumina o efecto sorpresa, Sabrina Teitelbaum, a persoa detrás deste proxecto, volve deixar boa mostra do acertado da súa proposta. Ou, polo menos, do moito que esta resoa en min.

Cancións sobre vínculos maternofiliais complicados (‘What's Fair’, ‘23's a Baby’), relacións complicadas e/ou abusivas (‘Thumbtack’, ‘T&A’, ‘Two Times’), condutas obsesivas e con efectos perniciosos para un mesmo… Blondshell visita de novo cun naturalismo rechamante temas máis escuros do que poden facer pensar de primeiras as guitarras tan anos 90 que os conteñen. Coma se o glamour decadente que proxectan as letras de Lana del Rey amosase a súa verdadeira cara e revelase o mundo sórdido que se agocha detrás del. Se cadra, por observar diferenza e evolución entre este If You Asked for a Picture e o primeiro álbum, agora toman maior protagonismo as pasaxes acústicas e os pianos respecto a Blondshell. Malia que dixen que non me sorprendeu tanto coma o debut, si penso que estas doce cancións (preto de cincuenta minutos) chegan a teitos máis elevados ca o seu predecesor; aínda que, a maior duración, tamén maior probabilidade de altibaixos e de momentos menos espléndidos. Con todo, axiña remata ‘Model Rockets’ hai algo que chama dentro dun para volver ‘Thumbtack’ e iniciar a viaxe de novo.

Keep a ball chain on my leg
Keep fucking with my head
'Cause it's not as bad as what I do to myself

Unha canción: ‘What's Fair’. Imaxino que durante a adolescencia todos pasamos por procesos de non sentirnos a gusto cos nosos pais, coas nosas nais, coas nosas familias. É unha etapa vital á que, co tempo, segue un proceso de madurez no que un se decata de que esas figuras de autoridade non son máis ca persoas intentando facer as cousas o mellor que poden sen saber moi ben como. Cometendo erros, exactamente igual ca todos e todas. Proxectando inseguridades nos demais e deixándose levar polas inercias das sociedades das que forman parte.

You always had a reason
To comment on my body
You’re not a perfect person
Something’s always wrong
But I know there’s nothing
Less perfect to a girl than a mom

Este ‘What's Fair’ de Blondshell dá conta dunha nai inducindo TCAs e dunha filla sendo consciente anos despois destas circunstancias. De fondo, o eterno xogo das guitarras: lento, rápido, lento. Limpo, distorsionado, limpo de novo. Tan sinxelo coma efectivo o manual do indie rock.

Monóculo: 🧐🧐 (2/5)

Xénero: Post-punk e derivados.

Para quen lle guste: O punk bailable. Estudar cada ano o catálogo de lanzamentos de Humo Internacional.

Primeiro disco publicado a nivel estatal que aparece no top. Sérveme para dicir que, aínda que faltan algúns máis por saír, teño a sensación de que a escena está un tanto estancada entre fórmulas vellas que non dan moito máis de si e artistas novos que non terminan de despuntar. Non sei se ten a ver que a precariedade do mundo do artisteo (no underground, principalmente) limita os proxectos, obriga a tomar decisións creativas máis precipitadas e menos arriscadas ou é que simplemente non cheguei a demasiados discos que me entusiasmaran e que estou medio xordo. Poden ser as dúas cousas.

O que si teño claro é que, nesta incertidume, non hai nada como encomendarse ao que cada ano edita Humo Internacional. O ano pasado meteron dous artistas no top 10 da Xanela e, aínda que este 2025 ten pinta de que non se vai repetir ese fito, hai bastante cousiña deles espallada pola lista (xente coma Sofía, AT e Presa quedaron á beiriña de entrar nesta selección de cincuenta discos) e Economato textil, o EP de .bd., seguramente sexa a miña música feita en España favorita deste ano. Un valor seguro, vaia. É por iso que non me sorprendeu desfrutar tanto con Volumen 3, o último álbum en formato longo de Los Yolos, un grupo de punk con base en Barcelona.

Abonda cos primeiros compases de ‘NSPD’, tema que abre o disco para saber que esta vai ser unha viaxe divertida. Un fraseo de baixo cheo de groove, un murmurio e, cando entra a primeira estrofa, unha voz que desborda personalidade. O post-punk de Los Yolos é bailable, desfrutón, nocturno. Decididamente urbano e, sobre todo, incriblemente fresco, capaz de revivir para min a fe no tecido alternativo deste Estado. E ten tempo para poñer os procesos de turistificación a caer dunha burra en ‘La chicharra’: “Mi ciudad se ha convertido en un parque temático / La entrada me ha salido cara / Yo no tengo sueldo de inglés / No me subas más el alquiler”.

Unha canción: ‘Tres menos cuarto’. Gira, gira, gira il mondo. Das melodías máis pegañentas coas que me teño atopado neste ano. “Tres menos cuarto / Se avecina un toque distinto / Tengo que atraparlo / Estas cuatro paredes no me limitan”. Aura de clásico instantáneo.

Monóculo: 🧐🧐 (2/5)

Xénero: R&B. Bedroom pop.

Para quen lle guste: Blood Orange. Marvin Gaye. The Wire.

Máis en forma, máis feliz, máis produtivo. Cómodo, sen beber demasiado. Exercicio regular no ximnasio tres días á semana. A voz robótica de ‘Fitter Happier’ xa aventuraba naquel OK Computer de 1997 un xeito de vivirmos pensado para optimizar as nosas prestacións e responder ás necesidades do sistema. Un mundo aséptico, ordenado e inmaculado. Un que funciona economicamente ben, pero carente totalmente de paixón, de arestas, de vontade. Precisamente o que este The Passionate Ones de Nourished by Time pretende evitar. A produción lo-fi, con defectos e asperezas que limar, é unha das marcas de identidade deste disco, que foxe de sutilezas e aposta polas mensaxes evidentes. “If we all strike right now, the gravy train stops / Sometimes you gotta cut a berry with a chainsaw / Open up your eyes, bruh, you looking at the game wrong” canta Marcus Brown en ‘BABY BABY’, un corte de crítica directa ao tren de vida consumista.

O R&B deste álbum garda historias de amor, de precariedade e de subsistencia nas que a paixón é tamén o instinto e a perseverancia por saír adiante. Se ben confeso que o aclamado pola crítica Erotic Probiotic 2 se me atravesou bastante no seu día, co paso dos meses e coa publicación do EP Catching Chickens acabei colléndolle o gusto á música deste home-orquesta de sonidos difuminados. Dende Baltimore, Brown presenta un disco no que cortes como ‘9 2 5’ (“You know he’s got a purpose / But he’s always working / Tryna beat the system / Manifest a vision / Working restaurants by day / Writing love songs every night”), ‘Automatic Love’, ‘It’s Time’ ou ‘Crazy People’ nunca esquecen, por moita crítica social que fagan, a pista de baile e o sentido do desfrute.

The Passionate Ones, escribe Kate French-Morris na súa reseña para The Quietus, é “unha reacción, ou un antídoto, para tempos duros e adversos: un álbum dedicado aos traballadores que se vale do amor como arma contra a opresión, o racismo e as condicións de vida da clase traballadora que se fan máis complicadas a diario”. Difícil expresalo mellor.

Unha canción: ‘Max Potential’. Supoño que se existen o R&B de estadio ou o AOR&B son algo semellante a esta canción. Un tema de amor no medio de inseguridades, estrés e paranoias. Un retrouso expansivo e memorable: “If I’m gonna go insane, at least I’m loved by you / If my heart should burst or break, it was overdue”. Hai que estar moi baleiro para que non se remexa algo dentro dun ao escoitalo.

Monóculo: 🧐🧐🧐🧐 (4/5)

Xénero: Drone.

Para quen lle guste: Pasear por igrexas baleiras. Descubrir artistas na programación do Unsound ou do Le Guess Who.

Non sei se moita xente aquí controla a historia de Hildegarda de Bingen, unha polifacética e visionaria santa alemá da Idade Media. Admito que non era o meu caso cando din con este disco curioseando na programación do Primavera Sound deste ano 2025. Hai unha reseña en The Quietus que explica moi ben todo, pero igual é máis efectivo o resumo en forma de meme que fixo o colega Pedro no Discord de Hipersónica:

Heinali, alias artístico do músico ucraíno de ambient Oleg Shpudeiko, e a vocalista Andriana-Yaroslava Saienko alíanse neste traballo para reinterpretar as composición místicas de Hildegarda levándoas ao terreo do drone. Modulares zoando en bucle durante minutos e minutos mentres a voz dela, prodixiosa, entra e sae. Gravaron as dúas cancións, de máis dun cuarto de hora cada unha, nun mosteiro para aproveitar a acústica dos muros de pedra reaccionando a este ruído que, se ben non puiden desfrutar en directo no Primavera porque tiñan un solape infernal con moitísimas cousas (entre elas, FKA twigs, Magdalena Bay e This is Lorelei), o WOS Festival (posiblemente o mellor festival que pisei este ano) trouxo á beiriña da casa: á igrexa da USC. Un lugar magnífico ademais para flotar co monóculo posto nesta ladaíña de sintetizadores e distorsión. Foi un directo bastante máxico e, aínda que o carácter deste disco fai que non volva a el todo o que podo facelo a outros con cancións máis “convencionais”, non é óbice para darlle o recoñecemento que merece entrando nesta lista.

Unha canción: ‘O Ignis Spiritus’. Realmente tanto ten cal recomendar sendo dúas e as dúas cortadas polo mesmo patrón. Así que a clave é darlle ao play coa primeira e deixarse levar.

Monóculo: 🧐 (1/5)

Xénero: Indie pop.

Para quen lle guste: The Pains of Being Pure at Heart. Big Star.

Van xa varios discos nesta lista que percorren nas súas cancións as diferentes estradas e interseccións da música pop de guitarras. Se The Tubs se entregaban á velocidade e ao jangle e Cate Le Bon o fai ao dream pop e ao barroquismo; Massage en Coaster atopan na linguaxe do twee pop (outra declinación máis para falar desta música suave e inmediata) e outros subxéneros aproximados de difícil delimitación un filón do que extraer temas redondos ante os que non hai case defensa. Faise difícil atopar reticencias a deixarse introducir nun álbum que dende o primeiro momento se converte en fogar. Á vista están cancións tan inmediatas coma ‘Daffy Duck’ que axudan a crear un hábitat cálido do que non hai gana de marchar baixo ningún concepto.

Guitarras tintineantes e voces delicadas van e veñen ao longo dun álbum que rememora, entre outras moitas referencias, á epoca dourada dos The Pains of Being Pure at Heart de principios de século. Non en van, o baixista Alex Naidus formou parte dese proxecto durante preto de sete anos. No folleto que acompaña ao disco, que se pode ler en Bandcamp, a teclista Gabi Ferrer conta que, a raíz das experiencias vitais dos integrantes de Massage, foron comprendendo que medrar e madurar consiste en aceptar que un non é o centro do universo e que esta é a idea que permea todo o álbum. Letras de amor (‘Without Your Love’), guitarras de doce cordas, melodías arpexadas e ata un mellotron (‘Parrots of Rome’). Todo o pop que importa está aquí. Nun disco que pecha en alto coa coda instrumental de ‘After All’.

Unha canción: ‘We’re Existential’. Unha peza pequechiña, que pase case desapercibida sen facer apenas ruído. Unha guitarra que reverbera, case estilo dream pop. Un retrouso fácil e pegañento. Arranxos moi sutís e efectivos. Un punteo de guitarra para acabar de apuntalar o edificio. Que ben se fan as cousas cando se fan ben.

Monóculo: 🧐🧐🧐🧐🧐 (5/5)

Xénero: Tanbur goes brrr.

Para quen lle guste: Paco de Lucía. Jafar Panahi. Remexer en culturas alleas.

Dame ata vergoña incluír este disco nesta lista porque me xera un síndrome do impostor terrible. Un paisano curdo, que vive na parte desta nación sen Estado correspondente a territorio iraní e que toca o tanbur, un milenario instrumento de corda similar ao sitar, nunha pequena vila da rexión de Kermansah nalgures no medio das montañas. Creo que a calquera lle pode parecer unha boutade que amose entusiasmo cunha gravación coma esta, pero é que o sinto de verdade. Aínda así: como sei que é real o que me están a vender? A que me podo acoller? Coñezo da existencia do traballo de Mohammad Mostafa Heydarian porque o musicólogo iraní Kamyar Salavati decidiu destacalo como disco da semana en The Quietus. E porque a reseña, cando contextualiza todo, fai que sexa unha historia aínda máis fascinante.

Tradición oral, conflitos de identidade e paixón pola música son os principais ingredientes dunha historia chulísima. A priori, podería semellar a mítica rareza que inclúen algúns destes medios para “ser diferentes” e “molar”. Algún día habería que explicarlle a algún deles a opinión que temos por aquí de bbtrickz, á que sempre meten nas súas listas do mellor de ano) por se acaso isto é algo similar pero procedente dun mundo que nos é tan remoto que non o sabemos identificar.

Difícil sabelo, aventurado pensar que un entende o contexto que rodea este álbum e complicado de venderllo a terceiros. Noor-e Vojood é un disco de corenta minutos dun artista tocando en solitario un simple instrumento de corda, que vibra enchendo os silencios e invitando unha reflexión. Unha sorte de ambient folk exótico que, polo motivo que sexa, aínda non descifrado, me flipa. Xa nun primeiro momento quedei bastante prendado e, cando repasei todos os discos que tiña anotados para este repaso, intentei cargarmo porque me resultaba ata autoparódico o cariño que lle profeso. Pero é que está aquí por méritos propios. Non sei canto ten de certo esa historia, pero sempre que me enfronto a el, saio convencido do seu valor.

Unha canción: ‘Nishtemân’. Non é doado atopar grandes diferenzas entre as composicións que integran Noor-e Vojood, pero é precisamente nos dous cortes de maior duración cando máis funciona esa concatenación de sons nasais do tambur que, por momentos, elevan a intensidade ata sumir nun trance ao ouvinte. Poucas veces o adxectivo místico me pareceu tan pertinente para describir algo.

2025 en 50 discos (I)

2025 en 50 discos (II)

2025 en 50 discos (III)

2025 en 50 discos (IV)

2025 en 50 discos (V e final)

Read the original on xanela.substack.com

Comments

Nothing yet. Say the first thing.

    Sign in to join the conversation.