O Terceiro Período Intermedio do Antigo Exipto foron os séculos de desunión e invasións estranxeiras (1070 - 664) que seguiron ao Imperio Novo.
A dinastía XXI estableceu a capital en Tanis, no delta do Nilo, mentres o val era controlado polos grandes sacerdotes tebanos. Nos últimos anos os "libios" ocupaban xa moitos dos postos de maior poder, e o primeiro faraón da XXI dinastía, Sheshonk I (945 - 924), tiña esta orixe. Pretendeu reunificar o poder instalando ao seu fillo como Sumo Sacerdote de Amón en Tebas, ao tempo que xeneral en xefe dos exércitos e gobernador do Alto Exipto. Outro tanto tentou Takelot II (860 - 835), pero o seu fillo, Osorkón, foi rexeitado polos tebanos e orixinou unha longa guerra civil durante a que calquera potentado optaba á realeza, incluído un rei nubio, Kashta (770 - 750), que gobernou sobre o Alto Exipto desde Napata (Gebel Barkal).
A finais do século VIII enfrontáronse os gobernantes locais de Sais, no delta occidental, e os tebanos. Piye (750 - 712), irmán e sucesor de Kashta, desenvolveu unha campaña por todo Exipto que o levou até Menfis, onde se lle someteron catro reis - se ben, na verdade, o reino non ficaba unificado. Shabaka (712 - 698) si se impuxo sobre os demais reis e estableceu a capital en Menfis, malia que os gobernantes locais continuaron sendo bastante independentes.
O medio século de reinado nubio (dinastía XXV) permitiu a mellora económica e un rexurdimento artístico. Este período é fundamental para o estudo da disciplina da escultura en metal.