Eclipse
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2018.) |
| Eclipse | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||


Unha eclipse[1] é un acontecemento astronómico consistente na interposición dun corpo celeste entre outros dous. En xeral, enténdese que os tres corpos implicados son o Sol, nun extremo, e a Terra ou a Lúa no outro da aliñación.
Dende a Terra pódense observar dous tipos de eclipses: de Sol e de Lúa. A eclipse de Sol prodúcese cando a Lúa se pon no medio do Sol e a Terra, e a de Lúa cando a Terra non deixa chegar a aquela a luz do Sol, co que se oculta, facéndose invisible.
As eclipses de Sol só son visible dende a zona da Terra que queda sombreada, namentres as eclipses de Lúa son visibles dende todos os puntos da Terra que nese momento están dirixidos cara á Lúa.
As eclipses poden ser parciais, totais, e, as de Sol, anulares. Son totais cando un corpo se oculta totalmente detrás do outro. Son parciais en caso contrario; de calquera xeito, unha eclipse pasa por etapas de parciais antes de chegar á totalidade. As de Sol poden ser anulares, xa que a Lúa, a pesar de estar moito máis próxima que o Sol, é moito máis pequena, e o tamaño aparente en xeral é lixeiramente máis pequeno que o do Sol.
Outras efemérides poden ser consideradas eclipses, aínda que se distinguen normalmente co devandito nome de efemérides. Un tipo destas son os tránsitos: o martes 8 de xuño de 2004 Venus pasou por diante do Sol, distinguíndose dunha eclipse polo feito de que o tamaño aparente de ambos os dous corpos é moi diferente, co que non se aprecia cambio de luminosidade no Sol. Este fenómeno acontecera xa o 6 de decembro de 1882, e a seguinte vez será en xuño de 2012, aínda que non será visíbel desde Galiza.
A palabra eclipse provén do grego ἔκλειψις ékleipsis 'desaparición, eclipse' e ese do verbo ἐκλείπω ekléipo, 'deixar de existir'.
Tipos de eclipses
[editar | editar a fonte]
- Eclipse total
- a fonte de luz queda bloqueada completamente polo corpo que eclipsa. Nas eclipses totais de Sol, o observador está na parte da umbra da sombra da Lúa.
- Eclipse parcial
- só se cobre parte da luminaria (eclipses de Sol) ou a sombra só eclipsa parte do corpo (eclipses de Lúa). Nas eclipses de Sol, o observador está na parte da penumbra da sombra da Lúa.
- Eclipse anular
- é unha eclipse total da luminaria na que resulta visíbel un anel de luz estreito arredor do corpo que se interpón. Nas eclipses de Sol, o observador está na parte da antumbra da sombra da Lúa. É por pura coincidencia que os tamaños aparentes da Lúa e o Sol sexan practicamente iguais, permitindo así as eclipses anulares. Resultan ideais para observar as prominencias solares.
Unha eclipse na que participen o Sol, a Terra e a Lúa só pode ter lugar cando están en liña. Dado que o plano da órbita da Lúa está inclinado respecto do plano da órbita da Terra (a eclíptica), as eclipses só acontecen cando os tres corpos están preto da intersección (o nodo destes planos. O Sol pasa por cada nodo unha vez ao ano e as eclipses teñen lugar nun período de aproximadamente dous meses dracónicos arredor dese tempo. Pode haber entre catro e sete eclipses nun ano de calendario. Repítense de acordo cos ciclos de eclipses.
Fases dunha eclipse
[editar | editar a fonte]
Fases xerais dunha eclipse solar
[editar | editar a fonte]- A eclipse xeral comeza cando o cono de penumbra da Lúa comeza a varrer o disco da Terra.
- A eclipse total ou anular comeza cando a umbra da Lúa comeza a varrer o disco da Terra.
- A centralidade comeza cando o eixo do cono de sombra da Lúa comeza a varrer o disco da Terra.
- O maximum da eclipse acontece cando a superficie terrestre no interior da umbra alcanza a súa área máxima.
- A centralidade remata cando o eixo da sombra da Lúa remata o seu varrido a través do disco da Terra.
- A eclipse total ou anular remata cando a sombra da Lúa remata o seu varrido a través do disco da Terra.
- A eclipse xeral remata cando a penumbra da Lúa remata o seu varrido a través do disco da Terra.
Fases locais dunha eclipse solar
[editar | editar a fonte]
- Primeiro contacto (ou primeiro contacto exterior) é o instante en que o disco da Lúa comeza a cubrir o do Sol.
- Segundo contacto (ou primeiro contacto interior) é o instante en que o disco da Lúa está completamente arrodeado polo do Sol (nunha eclipse anular) ou o instante no que o disco solar desaparece completamente detrás do da Lúa (nunha eclipse total).
- Terceiro contacto (ou segundo contacto interior) é o instante no que o disco lunar comeza a saír do solar (nunha eclipse anular) ou o instante no que o disco solar reaparece por detrás do da Lúa (nunha eclipse total).
- Cuarto contacto (ou segundo contacto exterior) é o instante no que o disco da Lúa deixa o do Sol.
Fases dunha eclipse lunar
[editar | editar a fonte]
Hai tres tipos de eclipses lunares: penumbral, no que a Lúa percorre só a penumbra da Terra; parcial, no que a Lúa cruza parcialmente a umbra da Terra; e total, no que a Lúa cruza totalmente a umbra da Terra.
- Primeiro contacto (ou primeiro contacto exterior) é o instante no que a Lúa comeza a entrar na umbra da Terra.
- Segundo contacto (ou primeiro contacto interior) é o instante no que a Lúa entra completamente na umbra da Terra. Isto é o inicio da totalidade.
- O máximo da eclipse ten lugar cando a distancia angular entre o centro do disco da Lúa e o centro do cono de sombra ten o seu valor máis pequeno.
- Terceiro contacto (ou segundo contacto interior) é o instante no que a Lúa comeza a saír da umbra da Terra. Isto é o final da totalidade.
- Cuarto contacto (ou segundo contacto exterior) é o instante no que a Lúa deixa completamente a umbra da Terra.
Observación de eclipses
[editar | editar a fonte]Como ver con seguridade unha eclipse solar é un artigo sobre as medidas de protección necesarias para observar unha eclipse solar sen risco de sufrir danos oculares. Durante as fases nas que a superficie brillante do Sol permanece visible, a observación directa require o uso de medios de protección adecuados. As lentes de sol convencionais non ofrecen protección suficiente.
Protección ocular
[editar | editar a fonte]Durante unha eclipse parcial ou anular, non se debe mirar directamente o Sol sen protección ocular adecuada. As lentes de sol convencionais, mesmo as máis escuras, non ofrecen unha protección suficiente.

Para a observación directa deben utilizarse lentes ou visores solares deseñados especificamente para observar o Sol e que cumpran a norma internacional ISO 12312-2:2015. Antes de utilizalas, débese comprobar que non estean riscadas, perforadas, rachadas ou deterioradas.
As lentes deben colocarse antes de mirar cara ao Sol e retirarse só despois de deixar de observalo. As persoas que utilicen lentes graduadas poden colocar os visores solares por riba delas, mais nunca entre as lentes graduadas e os propios ollos.
Métodos que non se deben utilizar
[editar | editar a fonte]Non se debe observar directamente o Sol mediante:
- lentes de sol convencionais;
- negativos fotográficos, películas ou filtros caseiros;
- vidros afumados ou outros materiais improvisados;
- cámaras, prismáticos ou telescopios sen un filtro solar específico.
As lentes ou visores para eclipses non deben colocarse diante de prismáticos, telescopios ou cámaras. Estes instrumentos concentran a luz solar e poden danar o filtro ou provocar lesións oculares graves. Para a observación mediante estes equipos cómpre utilizar un filtro solar adecuado, colocado firmemente na parte frontal do instrumento.
Observación indirecta
[editar | editar a fonte]A eclipse tamén pode observarse mediante métodos que non requiren mirar directamente o Sol. Un deles é o proxector estenopeico, que permite proxectar a imaxe do Sol sobre unha superficie. Para iso, practícase un pequeno orificio nunha cartolina e sitúase a superficie sobre a que se proxecta a imaxe mantendo o Sol ás costas.
Tamén é posible observar as formas da eclipse proxectadas no chan pola luz solar que atravesa os pequenos ocos entre as follas das árbores.
Nunca se debe mirar o Sol a través do orificio do proxector estenopeico.
Eclipse solar total
[editar | editar a fonte]Durante unha eclipse solar total, a observación directa do Sol sen protección ocular só é segura durante a fase de totalidade, cando a Lúa cobre completamente a superficie brillante do Sol. Antes do comezo e despois do final desta fase cómpre volver utilizar protección ocular adecuada.
Esta excepción non se aplica ás eclipses parciais nin ás anulares, durante as cales a superficie brillante do Sol permanece visible e non é seguro observala directamente sen protección adecuada.
As eclipses na etnografía
[editar | editar a fonte]Na mitoloxía
[editar | editar a fonte]Con anterioridade á astronomía moderna cada cultura tiña a súa explicación para as eclipses. Referíanse normalmente a conflitos entre forzas míticas.
As eclipses na cultura popular galega
[editar | editar a fonte]Non se poden comer as verduras sobre as que pasou a sombra dun eclipse ata pasadas 24 horas, porque as plantas quedan apestadas. Pola mesma razón, tampouco se pode botar o gando a pastar ata que o sol quente ben a herba.[2]
En Galiza
[editar | editar a fonte]Eclipses de Sol
[editar | editar a fonte]Eclipses de Lúa
[editar | editar a fonte]- 3-4 de marzo de 2007
- 27-28 de setembro de 2015
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para eclipse.
- ↑ Risco, Vicente (1962). "Etnografía: cultura espritual". En Otero Pedrayo, Ramón. Historia de Galiza I. Buenos Aires: Nós. p. 282.