Vén de:
Ola! Chegamos ao final! Os dez mellores discos de 2025 (reseñados xa entradiño 2026 porque a vida non é sempre como un quere). Contráriame un pouco chegar coas pilas para escribir xa totalmente descargadas a reseñar os que foron os meus álbumes favoritos destes últimos doce meses, pero sempre ocorre o mesmo. Intentarei facerlles honra o mellor que poida nestas liñas. Agardo que estas semanas de turras históricas nos vosos correos, na app de Substack e nalgunha rede social (en Bluesky, nomeadamente) vos foran levadeiras e non terme feito moi pesado. Ao final deste post atoparedes quen foi a persoa que levou o premio por predecir con maior precisión os discos que máis alto aparecen nesta lista.
Tamén vos animo a que se tedes algunha suxerencia, comentario, crítica ou feedback de calquera tipo mo fagades chegar (sexa en público ou en privado) para tomar nota e aprender. E a que, se achades esta lista interesante, a compartades polos medios que xulguedes oportunos para que chegue a algo máis de xente e este traballiño pague algo máis a pena. Déixovos con dez reseñas de dez discos fantásticos. Variados en forma, fondo, espazo e tempo. Se non todos, seguro que algún está a tempo de vos conquistar a vós coma a min. Vai!
Monóculo: 🧐🧐 (2/5)
Xénero: Hyper-hop.
Para quen lle guste: Jane Remover. Charli XCX. Escoitar a música da rapazada para non convertirse nun señoro.
Hai só dous anos traía ao top de 2023 Quaranta, o suposto disco de madurez de Danny Brown, un exercicio de conscious hip hop, que, sen abandonar de todo (‘Tantor’) o flow desquiciado marca da casa, supoñía un cambio estilístico e de narrativa dentro da discografía deste rapeiro de Detroit. No mesmo ano, iso si, en que editaba con JPEGMAFIA un discazo de glitch hop, pero con este señor o da hiperactividade temos que dalo por descontado. Igual que o de empuxar por expandir as fronteiras da súa música. Consolidado coma un referente do rap experimental grazas a discos tan aclamados coma Atrocity Exhibition, non hai moldes que repliquen a poliédrica figura dun Danny Brown cuxa historia de vida se palpa neste novo Stardust. Ten o amado líder P. Roberto J. unha frase bastante lapidaria a conta deste álbum, pero creo que atinada: “Es el equivalente a actriz desfigurada en papel para ganar el Oscar”. Neste caso, mal que me pese, eu son a Academia disposta a concederllo.
Nesta entrevista con Ringtone, Brown comenta como descubriu todo o movemento do hyperpop en plena pandemia e como, na nova normalidade, a base de concertos de Dorian Electra e Frost Children, acabou completamente inmerso neste mundo. Con acertos e erros, toda a escena do hyperpop e a PC Music é, sen dúbida, unha das máis creativas e estimulantes que temos presenciado nos últimos anos, sempre obcecada en expandir os límites, arriscar e obter novas combinacións fóra do imaxinable. Unha creatividade e produtividade extremas que ligan á perfección co talento e a paixón pola música dunha das figuras máis prominentes do hip hop deste século. Unha paixón revitalizada pola publicación, tamén en 2023, de Wallsocket, o álbum de underscores que lle devolveu a Danny Brown, di el mesmo, o sentimento de amor pola música.
“Para min, a clave era divertirme facendo música outra vez. Durante anos os meus temas lidaban coa depresión e a miña saúde mental, así que agora que estou sobrio céntrome máis nos aspectos positivos e en ser simplemente un fan da escena. Síntome honrado de poder traballar con eles”, declaraba, na entrevista antes citada, sobre a nómina de artistas que colaboran en Stardust. Jane Remover, underscores, Frost Children ou femtanyl. Unha colección tan variada e heteroxénea que ten resultados inevitablemente diversos e dispersos (o único que o afasta de aparecer máis arriba nesta lista), nun álbum que salta entre estilos a cada canción (e mesmo dentro delas) e que semella un caleidoscopio de novas músicas e horizontes sonoros.
Do digicore (‘1999’, ‘All4U’) ao hyperpop ‘(‘Green Light’, ‘Flowers’ ou as participacións de underscores), pasando por as xa clásicas mostras de hip hop excéntrico de Danny (‘Starburst’ e ‘Lift You Up’) ou arroutadas drum and bass (‘1L0v3myL1f3!’). Quaranta, en certa medida, era un disco de rehabilitación. Stardust é un de celebración. Unha festa non etílica na que Danny Brown exerce de mestre de ceremonias dunha unión improbable, dun salto sen rede, dunha alianza de talentos nas marxes e, ante todo, dunha celebración da música e da autenticidade como motor vital. Vivan as casualidades que nos deron este álbum. Longa vida ao hyper-hop.
Unha canción: ‘Copycats’. Rap star, pop star, rock star. Gimme that, gimme that. “Mi estilo es todos los estilos, siempre estoy brillando”, sentenciaba outra estrela da música urbana hai unha década. Aplicable a un Danny Brown pletórico, sempre capaz de clavar as métricas e rapear sobre o beat dunha lavadora centrifugando. Se a iso se lle suma a man de underscores, posiblemente a mellor produtora da actualidade (calquera dos seus dous temas neste álbum podería ter estado aquí), o resultado só pode ser un éxito asegurado.
Monóculo: 🧐🧐🧐 (3/5)
Xénero: Blackgaze (literalmente perfeccionárono eles).
Para quen lle guste: Alcest. Explosions in the Sky. As modélicas socialdemocracias escandinavas. A combustibilidade das igrexas.
Descubrín aos Deafheaven un chisco tarde. Foi tras a publicación de New Bermuda en 2015, xa aúpados aos altares despois do merecido éxito de crítica e público de Sunbather. Así é que sempre foi ese, o posterior ao do canon, o meu disco referencial deles porque foi o que me axudou a entrar no universo dunha banda que, se ben non me atrevo a dicir que inventou, si perfeccionou a fórmula do blackgaze. Metal sensible. Metal emocionante. Metal coa armazón sonora dun carro de combate, pero á vez intimista por moito que ao outro lado dos altofalantes haxa un tipo desfacendo as cordas vocais en sons guturais.
Con Lonely People With Power cambia o meu relato, porque pasa a ser para min o mellor disco dos Deafheaven. Despois do desatino de experimentar sen moita puntería con sons máis limpos en Infinite Granite (2021), a banda de San Francisco entrega un álbum de volta á fórmula que os fixo xigantes. E a aposta resulta ser un pleno ao quince. Os primeiros dez minutos longos do disco, ata que remata ‘Magnolia’, son sinxelamente inapelables. Un comezo coma poucos, que deixa o listón tan alto que parece que o resto do álbum non vai poder superalo. Pero aí están cortes coma ‘Heathen’, ‘Amethyst’ ou ‘Winona’ para probaren que o We're so back —o Estamos tan espaldas— de Deafheaven é en serio. Un grupo volvendo triunfar cinguíndose á máis pura esencia do que os fixo medrar.
Hai entre a parroquia metaleira xente que, cos seus motivos, renega deles e que se nega a catalogalos como parte deste amplo xénero. Ata certo punto, teñen algo de razón, porque hai certa finura nese tratamento das guitarras que aos achega ao shoegaze (de aí o nome do xénero que axudaron a acuñar), pero en que momento se pode discutir que esa contundencia instrumental, a brutalidade das interpretacións de voz de George Clarke emerxendo dende o círculo máis fondo do inferno non son outra cousa que metal. Extremo. Salvaxe. Visceral. Tanto fala da depresión como do amor, como da melancolía, como do complicadas que son as relacións humanas a estas alturas da partida. Si, é moito máis fondo do que a rabia que destilan os temas fai pensar nun primeiro momento.
É complicado sacar de enriba a lousa de ter definido un subxénero enteiro coa túa obra. Ese camiño ten amagado con enterrar o interese que espertan uns Deafheaven que volveron neste 2025 cun disco imprescindible, cunha obra magna que encapsula todo o aprendido nesta xa década e media de andaina polos escenarios. Lonely People With Power é un triunfo ergueito sobre vitorias e derrotas previas. Un monumento blackgaze para condensar en pouco máis dunha hora a paleta sonora dun grupo que definiu todo un panorama.
Unha canción: ‘Doberman’. Precedida dunha breve introdución instrumental de só un minuto, ‘Doberman’ entra para abrir Lonely People With Power e ratifica que nunca debimos deixar de crer no ceo dos xordos. O doble bombo a bater, un tremolo de guitarras alzándose sobre un muro de distorsión e ruído e, ao seu debido tempo, a voz de Clarke para confirmalo. Que si. Que Deafheaven están de volta.
Monóculo: 🧐🧐 (2/5)
Xénero: Punk rock.
Para quen lle guste: Sal del Coche. Squid. Gang of Four.
EZEZEZ son Unai Madariaga (voz, guitarra), Eneko Ajangiz (guitarra), Alvaro Olaetxea (batería) e Mikel Irigoyen (baixo). Catro rapaces de Bilbo que veñen confirmar que a escena vasca de punk e derivados artie é a máis frutífera, interesante e estimulante de todas as activas neste país. Sal del Coche, Silitia, Borla ou Tatxers son só algúns dos seus coetáneos nunha xeración que está a revolucionar a música feita dende Euskal Herria (e da que se fala demasiado pouco para toda a atención que merecen).
Cantos discos en anos recentes teñen unha apertura tan contundente coma é ‘puntofinal’? Non entendo un carallo das letras —teño que me fiar do que me di o Google Translate para facer calquera mínimo comentario sobre elas, aínda que noutras, coma ‘ez da iristen’ é fácil pillar que fan mofa dos turistas do Guggenheim—, pero axiña quedo prendado desa visceralidade, esa enerxía punk canalizada con pericia instrumental e velocidade, incorporando instrumentos impropios destas coordenadas sonoras (en canto aparece unha trompeta a miña cabeza pensa de inmediato en Squid). O disco publicouse a comezos do mes de maio e podo prometer que fun durante días, semanas e meses a persoa máis insoportable sobre a face da terra insistindo en que devecía por velos e en que era preciso que todo o mundo escoitara este Kabakriba.
Ao final a vida sorriume e deron un concerto en outubro no Esmorga Fest de Sarria (a hora e media de Compostela, para descoñecedores da xeografía galega e da nosa rede de estradas). Aproveito para agradecerlle a Sara que se deixase arrastrar a esta especie de tolemia “colectiva” (dous son máis dun) e se animase a unha viaxe de ida e volta a unha sala de festas co teito pintado coma se quixese ser a Capilla Sixtina da noite luguesa. Un sitio peculiar, que, agora que o penso, me lembra á Paraíso que inspirou un post recente desta Xanela que me gusta moito.
Perdón pola digresión. EZEZEZ deron un concerto excelente aquela noite, malia tocaren para catro gatos que lles prestabamos atención alí nas primeiras filas mentres a maioría da xente aproveitaba o oco que cubrían entre os bolos de Mujeres e Joe Crepúsculo para privar e socializar. Nada que reprochar. Máis para nós. Unai coa cara pintada a modo dun David Bowie euscaldún. A banda tocando de cine e cancións coma ‘laberinto club’, ‘noraezean’ ou ‘static txomin’ demostrándome que a miña obsesión non fora en van. Que había moito grupo que desfrutar.
Kabakriba foi un dos meus compañeiros de viaxe da segunda metade deste 2025 e celebro cada unha das súas viraxes. A experimentación, os hits inmediatos, as arroutadas jazz, post-punk e grunge, as partes máis limpas e os momentos de excitación ruidística. Unha perla dunha banda en clara dinámica ascendente e sobre a que non se pousan máis focos, tristemente me temo (por que lles vaia ben a eles, non porque non se poidan admirar xa polo que son), por unha simple cuestión idiomática. E porque a industria da música neste país está podre de todo, pero ese é un tema para outro día. En calquera caso, a min tanto me ten ter que valerme dunha pesquisa en internet cada vez que quero cantar un tema. Cando o crescendo final eleva ‘babesleku’ nese coral “Grabitatea abandonatu / Ispiluetan narrua hustu” o corpo xa me está a pedir unha nova volta.
Unha canción: ‘zorozelai’. Inmediata, explosiva e infalible. Misil, misil, misil de la rue é xa un retrouso que habitará de por vida en miles de cabezas grazas ao ben construída que está esta canción, adictiva coma ela soa.
Monóculo: 🧐 (1/5)
Xénero: Culturally inappropriate.
Para quen lle guste: Death Row Records. Omar Little. Hustle Hard 304.
You come at the king, you best not miss. Esta inesquecible escena de The Wire é unha máis das que consagran como un dos personaxes máis carismáticos da historia da televisión a Michael K. Williams (DEP) na súa encarnación de Omar Little. É tamén un lema aplicable ao retorno aos estudos de gravación de Clipse, o dúo conformado polos irmáns Pusha T e Malice, historia viva do rap de finais do século pasado e comezos do presente. Os dous, coa inestimable colaboración de Pharell Williams supervisando e intervindo en todo o proceso de produción, entregaron este 2025 Let God Sort Em Out, un álbum de madurez e de factura soberbia.
Onde antes Clipse foron gangsta rap canónico, historias de hustlin' (“I'm from Virginia, where ain't shit to do but cook / Pack it up, sell it triple price, fuck the books”) e mil eufemismos para falar de vender coca e outras drogas (e consumilas), agora pálpase tamén o peso dos anos en dous tipos que, malia frisar e superar os cincuenta tacos, conservan intacto un flow que bordea a perfección. Sirva como mostra esta actuación no Tiny Desk da NPR o día de presentación do novo álbum, unha auténtica lección de hip hop da vella escola e de perfección técnica deles dous e da banda que os acompaña (tamén podedes xogar a contar cantas veces pestanexa Pusha).
Na reseña que abre este derradeiro post, contei que adorei o álbum de Danny Brown polo seu afán de expandir límites, chegar a novos lugares. Con Clipse, mellor disco de hip hop do ano para quen escribe (nun ano no que, desta vez si, si houbo marabillas no mundo das rimas), valoro exactamente o contrario. Pusha T e Malice subliman un xénero, acadan a perfección nun álbum que se abre con ‘The Birds Don't Sing’, un rap no que os dous irmáns expian as penas das mortes de seu pai e súa nai e reflexionan sobre outros erros vitais nun tema elevado con coros de corte gospel a cargo de John Legend.
Non é o único convidado de renome, xa que nos dous temas seguintes aparecen —atención, curvas— Kendrick Lamar e Tyler, the Creator. Os dous líderes (son moi fan do verso de Tyler dicindo que necesita a Deus para interpetalo no seu biopic), por éxito e relevancia, dunha xeración que chegou para dar a remuda e que neste disco reverencia a dous dos padriños do rap. ‘Chains & Whips’ e ‘P.O.V.’ son dous dos temas máis destacados de Let God Sort Em Out, pero non eclipsan o brillo de Pusha T e Malice por si mesmos. É un disco que agradece, como habitualmente ocorre neste xénero, escoitalo con Genius a man para ir descifrando, canción a canción, as letras, as referencias, os xogos de palabras, a arte coa que riman e que resulta inabordable nunha reseña destas dimensións. A min, por exemplo, os arabescos de ‘So Be It’ remitíanme ao ‘Auditorium’ de Mos Def, pero o sample resultou ser dun músico saudí, do que se valen para poñer a caer dunha burra a Travis Scott.
Con todo, non fai falla prestar atención ao detalle e analizar con microscopio cada palabra deste Let God Sort Em Out para aprezalo. É un disco de magnetismo instantáneo, ao que contribúe —destaco unha vez máis— o inmenso traballo na produción de Pharrell (a quen non teño en demasiada estima polo trauma que me xerou ‘Happy’ no seu día). Temas redondos, afiados e/ou reflexivos. Unha exhibición da familia real do rap máis puro e auténtico. You come at the kings, you best not miss.
Unha canción: ‘Ace Trumpets’. This is culturally inappropriate. Creo que foi o primeiro adianto que escoitei do álbum e pode que por iso foi o que máis me capturou. Aínda así, estou seguro de que non escoitei moita xente rapear ao nivel que o fan Pusha T e Malice neste tema. Non neste 2025, na miña vida. Drugs killed my teen spirit, welcome to Nirvana.
Monóculo: 🧐🧐🧐 (3/5)
Xénero: Slowcore. Dream pop.
Para quen lle guste: Lana del Rey. Twin Peaks. Os quintos de Mahou.
Tiven un dilema con este disco. Non quería ignorar na reseña a existencia de Perverts, o EP —de hora e media, bo troleo este— que Ethel Cain nos entregou nada máis comezado o ano para darlle a patada á súa anterior discográfica e iniciar unha andaina en solitario que é a que levou a que poidamos ter agora este Willoughby Tucker, I’ll Always Love You. Un periplo empresarial, pero tamén sonoro. Dous discos que son o anverso luminoso e o reverso tenebroso dunha artista capaz de moverse con soltura entre baladas épicas que non desentoarían nun álbum de Lana del Rey (para quen non mirase as letras) e a mirada ao abismo do drone e o ambient escuro que nos amosa en Perverts. Son as cancións dese EP ata certo punto macabras, perturbadoras (o “I love you” repetido en bucle de ‘Housofpsycoticwomn’), un disparo no pé dende un punto de vista comercial no momento en que máis ollos se pousaban sobre ela. E, porén, o disco que chega a continuación, nesa dualidade e ambivalencia, é a obra que consagra a Hayden Silas Anhedönia, a persoa detrás deste proxecto como unha das artistas pop máis relevantes deste tempo.
Política, irreverente, inconformista. A existencia mesma de Ethel Cain —para máis detalle, ler a historia da súa vida contada nesta entrevista en Pitchfork na que relata, entre outros eventos, a súa saída da comunidade ultracatólica na que foi criada— é un desafío. Saír do armario na adolescencia. Cambiar de sexo. Renegar da familia. É unha artista que podería venderse só co relato da súa vida, sen ter música detrás, e xa resultaría interesante o que ten que contar. Sabedor de toda esa bagaxe, na miña cabeza acabei relacionando axiña ‘Willoughby’s Theme’ con Twin Peaks, a serie de televisión de David Lynch e Mark Frost que, ademais de historia do audiovisual, é tamén un retrato coma poucos da misoxinia e do terrible das violencias contra as mulleres. Podía ser unha paxarada miña, pero a propia Ethel Cain confirmou que estaba inspirada no icónico tema de Laura Palmer que Angelo Badalamenti compuxo como sintonía da serie. Unhas poucas notas de piano sobre unha melodía que zoa e que é tan bonita coma arrepiante.
Non parece casualidade que, acto seguido, en Willoughby Tucker, I'll Always Love You apareza ‘Fuck Me Eyes’, posiblemente o corte máis radiable dos dez que compoñen o disco; un baladón na liña de ‘American Teenager’ ou ‘A House in Nebraska’ que, analizando a letra, parece case unha crónica musicada da vida da inesquecible Laura Palmer. Ten construído Ethel Cain nos seus dous álbumes un peculiar universo con personaxes literarios que entran e saen, interactúan entre eles e configuran uns relatos entre o atroz, o fermoso, o autobiográfico, o caricaturesco e o universal. Desta volta, este imaxinario leva a un imposible e desequilibrado triángulo amoros entre os seus protagonistas.
De amor tóxico, de mundos decadentes, de emocións prohibitivas saben moito as cancións dunha Ethel Cain que deixa varias xoias repartidas ao longo de Willoughby Tucker I’ll Always Love You; como a unión do segundo interludio con ‘Gold Dust’, os sons dunha man deslizándose polo mástil dunha guitarra acústica en ‘A Knock at the Door’ ou, especialmente, un tramo final de dúas cancións hors categorie: ‘Tempest’ e ‘Waco, Texas’. Por concluír: Perverts podería estar nesta lista, pero o feito de ser un EP e de querer evitar repetir artistas levoume a excluílo. Con todo, a súa existencia delimita o camiño cara á luz dunha artista imprescindibles nestes tempos.
Unha canción: ‘Waco, Texas’. Tentado estiven de marcarme un ex aequo, pero non quero imitar á industria do cine español. As dúas cancións final deste disco son excelentes, pero se hai que destacar só unha, que sexa esta que marca a fin do percorrido. Máis de quince minutos para un tema que abre espido, só cunha guitarra amplificando unha roda de acordes e unha voz recitando a súa ladaíña. A historia dun amor imposible, condeado a fracasar e a facer dano a quen o experimenta.
I've been picking names for our children
You've been wondering how you're gonna feed them
Love is not enough in this world. O maior dos medos do maior Briggs convertido nunha realidade. Un golpe baixo dun tema que non oculta outra verdade que se nos revela conforme nos facemos adultos: que o amor perfecto non existe e que moito do que anhelamos son proxeccións, de nós, doutras persoas, en terceiros.
I'd reach into your body and fix you if I could
Will I feel like this forever?
Polo camiño, se non vos percatastes, a canción foi medrando paseniño. Entre tramos espidos, de acompañamento tenue, mesmo a capella, vaise erguendo aos poucos unha instrumentación que chegados os once minutos toma por completo a escena e acaba enterrando uns vocais que terminan por ser inintelixibles. Love is the one thing that transcends time and space.
Monóculo: (0/5)
Xénero: Pop.
Para quen lle guste: Britney Spears. O brat summer. Saber a quen arrimarse.
Can't a girl have fun?
Descubrín a Addison Rae nun vídeo de Instagram no que aparecía Charli XCX bailando ‘Aquamarine’ antes de dar un concerto. Procurei a canción porque quedei bastante prendado dela (normal, tendo en conta como abre con ese “The world is my oyster / Baby, come touch the pearl”) e sorprendeume atopar que a rapaza da que nunca antes escoitara falar era unha it girl con ducias de millóns de seguidores en TikTok (agora anda á beira dos noventa millóns) e que conta por miles de millóns —bastante tola esta cifra— os likes totais nas súas publicacións. Noto que vivo na miña burbulliña na que só me entero do que me interesa cando me pasan cousas coma esta. Despois caín na conta de que xa colaborara con Charli no remix de ‘Von Dutch’ e nun EP anterior, pero o certo é que nunca me parara a mirar quen era esta persoa. Porque pensaba que, efectivamente, non me interesaba.
Son malos tempos para o poptimismo. Despois de anos de aplausos acríticos por parte de medios especializados para calquera cousa que se fixese dende o mainstream parece que a tendencia actual entre os artistas de éxito é tratar de sofisticar a súa música para seguir colleitando estes eloxios. Estirar o chicle a base de voltas ás raíces, barroquismo sonoro, discursos neocatecumenais ou intentos risibles por replicar en 2025 o fenómeno brat. Non ten sido un bo ano no panorama do pop de masas e as fórmulas empregadas para acadar o éxito parecen todas fallidas. Quizais porque se desviaron do que si entende ben este Addison: a importancia da diversión.
O debut en formato longo de Addison Rae é, ante todo, un álbum divertidísimo, que xoga con mensaxes banais sobre a sexualización feminina, a fama ou o diñeiro dende unha postura aparentemente cándida e que, como boa posmodernidade, habita nesa zona de claroscuros entre a ironía e o dicilo perfectamente en serio. Nada reflicte mellor isto ca ‘Diet Pepsi’, primeiro adianto e detonante do fenómeno Addison Rae (ao que eu fun alleo en primeira instancia por directamente nin me enterar do que estaba a ocorrer). Mozos malotes, comentarios sobre o cú que lle fan os vaqueros e polvos na parte de atrás dun coche. Podería ser unha canción aborrecible, mais é fantástica e a meirande parte das estrelas do pop do noso tempo mataría por asinar un primeiro tema así. Ou simplemente algo así de bo, sexa cando for.
Axuda a elevar este Addison o sublime traballo que fan na produción de todos os temas Elvira Anderfjärd e Luka Kloser, dúas rapazas suecas que forman parte do estudo MXM Music (creado por Max Martin, unha das mans detrás de Britney Spears no seu día, se axuda a atar cabos) e que fan estoupar neste disco unha supernova pop. Unha alianza de talentos diante e detrás dos focos que resulta en temas enfocados ao club (‘New York’), cancións que parecen inspiradas en Lana del Rey se esta fixese as cousas ben (‘Summer Forever’, ‘Times Like These’) e ata cortes que coquetean co downtempo e o trip hop (‘High Fashion’ ou ‘Headphones On’). Estaría perfecto se este disco fose simplemente un álbum de pop lercho, música para o verán, para a radio e para algún pub urbanita. Porén, baixo unha apariencia simple esconde moitísimo máis que aprezar que outros discos sobreproducidos e escravos das súas ambicións.
Quizais a clave de todo isto resida en que isto é o que Addison Rae quere ser. Gustoume o artigo de Bárbara Arena analizando tanto o disco como a figura da súa autora para Vogue. Chegar ao éxito polo atallo (guapa, carismática, popular dende a infancia) pode ser gratificante, pero que se fai unha vez aí? Non é acaso unha prisión reducila a ser unha celebrity interpretando o papel de rapaza que baila en TikTok e completa a lista de figurantes de galas e grandes eventos? Non creo que Addison Rae tivese necesidade de se meter a facer música na súa situación (ou si, por seguir exprimindo a economía da atención, pero tanto dá). Cada un dos temas de Addison está perfectamente fabricado para alimentar a industria e, aínda así, seguen a sentirse auténticos, propios, moito máis vivos ca supostas propostas autorales que tratan de epatar. Pode que este disco sexa irreplicable, froito do accidente de xuntar a dúas produtoras inspiradísimas captando tendencias con alguén que necesitaba romper o molde da súa fama. Igual é un dos últimos coletazos dun pop de masas digno e conforme con ser iso, pop. Coma se fose pouco. Cómpre, pois, recoñecelo e, sobre todo, desfrutalo.
Unha canción: ‘Fame Is a Gun’. O que comento no parágrafo anterior dunha celebridade querendo desprenderse das etiquetas que xa lle colocaron por como chegou á fama podería ser a mensaxe desta canción. O doble fío do éxito, tal e cual. Poderíase estruturar un discurso detrás e facer mil análises sesudas. Non o precisa. É unha fantasía electropop. Unha canción contaxiosísima. There's no mystery, I'm gonna make it, gonna go down in history.
Monóculo: 🧐🧐 (2/5)
Xénero: Folk rock.
Para quen lle guste: Compartir os meus gustos. Conducir por estradas infinitas.
So let gravity be my sculptor, let the wind do my hair
Let me dance in front of people without a care
Let me be naked alone with nobody there
With mismatched socks and shoes and stuff stuffed in my underwear
Son a miña banda de rock favorita. Non me podo esconder. Hai veces que teño dúbidas, que penso que me tiran máis outras movidas, pero é que nada me fai clic na cabeciña coma Big Thief. Sempre teñen unha canción para o momento oportuno. As letras de Adrianne Lenker sempre me rompen, me emocionan e entusiasman. Tocan coma os anxos e combinan ruído e beleza coma ninguén. Por acumulación, son imbatibles. A súa música é un lugar seguro, un refuxio no que atoparme e protexerme. No seu día, dediqueilles o primeiro (e seguramente último) especial da Xanela sobre un grupo, unha especie de guía de escoita sobre a súa discografía. Califiqueinos no subtítulo, intenso eu, como o grupo das cancións nas que quedar a vivir. Sigo a crer que o son.
Double Infinity é outro disco excelente, do mellor do ano, facturado por un grupo que activa en min conexións que ningún outro detecta. E faino seguindo a liña antes trazada en U.F.O.F. (o álbum co que os coñecín e que me deixou completamente anonadado cando soou ‘Contact’): engadindo un pouco de psicodelia a un cóctel de folk e rock emocional, emotivo, vital. Dende a apertura, con ‘Incomprehensible’ e ‘Words’, Double Infinity pendúrase no aire entre guitarras a medio vibrar, a máxica voz de Lenker e algún efecto pequechiño de son. Pequenos e brillantes detalles (a inmediatez de ‘Happy With You’, a aparición de Laraaji para sublimar ‘Grandmother’) que distinguen esta obra doutras como a ambiciosa Dragon New Warm Mountain I Believe in You (inabarcable nunhas poucas escoitas) ou o indie rock que bañaba ese maxistral debut que foi, avisaban no nome, Masterpiece.
Beauty, speak to me
Let me know you, let me see
Myself inside your mystery
Through the crystal cage of aging
Pode un disco para o que non escatimo en eloxios de tal calibre estar nalgunha posición que non sexa a primeira deste top? É a resposta que teño que dar nesta reseña se quero ser honesto. Pode. Porque, aínda que con cada visita me sorprendo e desfruto coma coa primeira, o certo é que Double Infinity foi un disco que non deixou en min, se non o pouso, si a gana ansiosa de volver doutras ocasións con Big Thief. Non atopo nel defectos graves —si pasaxes menos inspiradas, pero a perfección non existe nesta vida— dignos de mención, mais, aínda que me desborde como e cando quere, as miñas obsesións foron outras. Discos que están por vir, apenas unhas posicións máis arriba ca este. Outras excursións, aventuras e viaxes musicais. Aínda que este segue a ser o meu fogar. O meu centro de gravidade permanente.
Gonna turn it all into rock and roll
Unha canción: ‘Los Angeles’. Aínda non rematou o primeiro slide de guitarra e xa estou dentro. Unha canción redonda, infalible. Perfecta. A banda sonora dunha viaxe por estrada infinita, na que conducir é un pracer.
Feels like it’s been ten years, has it only been two years?
Orbitando sobre unha letra, di Adrianne, que pretende ser “un testamento ao amor duradeiro”, ao que se mantén no tempo alén das circunstancias e mesmo de se as persoas seguen a estar xuntas. Reconectar con persoas desaparecidas da vida dun, a telepatía que leva a pensar do mesmo xeito malia habitar diferentes lugares. Amizade, complicidade. Entenderse sen falar. Outra canción máis na que quedar a vivir.
I’ll follow you forever
Even without looking
You call, we come together
Even without speaking
I can tell what you are thinking
Even without saying
We dream our dreams together
Even without laying in the same bed
Monóculo: 🧐🧐 (2/5)
Xénero: Folk. Aínda que reducilo a isto me pareza limitante.
Para quen lle guste: Joni Mitchell. Rodrigo Cuevas. Botarse fóra de todo.
Quiero verte extender tus alas
Y volar
Porque en tu vuelo libre y precioso
Se esconde mi felicidad
Y no quiero que sea el miedo
El que nos vuelva a guiar
Imaxino que fala bastante mal de min non ter sabido ata hai cousa duns meses da existencia de Lorena Álvarez e agora presentala aquí tan arriba nesta lista. Non xogaba ao seu favor unha discografía dilatada no tempo e non demasiado extensa á que teño pendente botarlle o dente e que descubrín porque me chegou un inocente WhatsApp dicindo que este El poder sobre una misma era un disco fantástico, pero non apto para non intensos. Perfecto, pensei, está feito para min. Álvarez dedica, nunha interesante entrevista en El Diario, este disco á súa psicóloga. É fácil vender este álbum dende un relato simple e efectivo: artista alternativa de éxito que se refuxia na aldea e entrega, á saída dese retiro espiritual e reinicio vital, un disco sobresaliente. Pero coido que aquí hai moito máis que rascar que esta mensaxe (que non deixa de ser verdadeira e válida como resumo).
Noutra entrevista, esta para S Moda con David Saavedra (autor doutra recomendabilísima newsletter), Álvarez contaba que precisou baixarse do barco da industria musical antes de que esta a comera despois do éxito dos seus primeiros traballos: “Todo aquello me sorprendió bastante. Yo nunca había hecho música y supuse que era normal. Después me di cuenta de que no lo era y lo que hice fue, poco a poco, bajarme de ese carro. (…) Para hacer la música que yo hago, y de la manera en la que la quiero hacer, necesito mantenerme en un lugar muy sagrado y protegido, que no va mucho con la farándula”. Manterse fiel a un mesmo e renegar do recoñecemento fácil é un xesto de valentía, un compromiso cunha visión artística sincera e real.
El poder sobre una misma contén só nove cancións, pero prolóngase por máis de tres cuartos de hora. Lorena Álvarez non ten medo de darlle aos temas o espazo preciso para que respiren, que se expandan e contraian aos ditados dunhas melodías sinxelas, pero sublimes. Cancións espidas, ergueitas sobre uns poucos elementos (voz, guitarra, piano), delicadas e cunha sensibilidade fóra do normal.
Ojalá yo fuera de otra manera
Y supiera mentir mejor
Pero yo soy valiente y sincera
Y siempre llevo delante de mí mi corazón
Va por delante de mí mi corazón.
Tanto dá que escriba de amor (o fermoso bolero de ‘Cuando el amor crece’), sobre o desexo feminino ‘(‘Guíame’, ‘Rezo en secreto’) ou o desengaño (‘Increíble’, unha fantástica rumba sobre relacións rotas: “Haces bien en no creerme / Porque soy increíble / Y tú un poco cobarde / Por no atreverte a quererme / Haces bien en irte corriendo / Porque soy insoportable / Y tú un poco cobarde / Por no atreverte a quererme / Como soy”). Partindo de experiencias propias —cita nas entrevistas unha frase célebre de Gustave Flaubert: “Coa miña man queimada escribo sobre a natureza do lume”—, Álvarez tece historias universais cunhas letras dunha calidade poucas vista en lingua castelá. El poder sobre una misma podería ser perfectamente un libro de poesía e funcionar con independencia da música que viste os seus temas, pero é que estas ensamblaxes realzan aínda máis o resultado final. Reducilo a un disco de folk é como dicir que a vida é simplemente respirar e que o corazón latexe.
Que su lava incandescente nos arrase
Que las llamas de ese infierno nos corrompan
Que al quemarnos en volutas de placer
Lo que hay al otro lado
Nos sea revelado
Téñome sorprendido chorando non poucas veces na metade dunha escoita deste álbum, tamén cantando e bailando, mental ou literalmente. Coa aparición dos coros nalgún tema (excelentes colaboracións coma a de Soleá Morente en ‘Se me daba cuidao’), co risco medido dos punteos de corte blues en ‘Los pensamientos’, coa pausa solemne de ‘Una mirada oscura’, coa maxia (porque si, é maxia inaprensible) que habita no interior destas nove cancións. Hai forzas internas xigantescas dentro de El poder sobre una misma. O desexo. A vontade. O pracer. Motores da vida e da condición humana. É imposible pasar por este disco sen que algo se remova dentro. E revisitalo sen volver marabillarse por unha beleza tan formidable, por unha sensibilidade tan exquisita.
El fuego que arde en mí
Me quema poco a poco
Asola mi jardín
Y yo me desmorono
Cito aquí dúas frases da reseña que lle fixo Chou a El poder sobre una misma en Hipersónica: “Canciones que te llevan de viaje haciendo parada en la duda, la vulnerabilidad, la fragilidad, pero también en un ejercicio interno de reivindicación, autocuidado y puñetazo sobre la mesa. Una sucesión de temas que transitan sin rubor entre lo asfixiante y lo encantador”. Eu precisei máis de mil palabras para falar del, pero creo que é difícil sintetizalo mellor ca aí. Se acaso, cómpre darlle unha escoita a ‘Guíame’, a canción-río de máis de sete minutos que flúe entre o anhelo e a autoodio (“Todo lo que hago lo hago mal / ¿En qué libro está mi sino escrito? / Mi espíritu no encuentra donde reposar / Mi grito se pierde en el infinito”) para, mordendo os beizos e apretando os puños, romperse por enésima vez mentres Lorena canta a través de nós. Que álbum. Que artista. Que talento. Agradecido de telo descuberto.
Unha canción: ‘El poder sobre una misma’. Non é a que máis me gusta. Non é a que mellor recolle o ton do disco. Pero si que é un tema que aborda o detonante de todo isto: o petar, o non poder máis, o ter que se botar fóra de todo. “Todas las canciones son bastante poéticas, pero la última es muy literal y cuento la historia tal cual pasó”, cóntalle Álvarez a El Diario. Cancelar concertos, romper vínculos, amagar con raparse (e por sorte non facelo), refuxiarse na intimidade dos seres queridos e dos lugares illados. Incapacidades temporais, brotes. Viva la Seguridad Social.
Moitas veces para recuperarse primeiro hai que facer crac e logo recompoñerse. “Entregamos a los demás el poder que tenemos sobre una misma. A las parejas, a la familia, en el trabajo, a los amigos. Se trata de ser consciente de ese vacío, volver a recuperar todos esos trozos y conformar con ellos tu centro”. Trota e trota a canción que coroa un leitmotiv: “¡Vamos todas!”
Monóculo: 🧐🧐🧐 (3/5)
Xénero: Sax against the machine.
Para quen lle guste: RATM. GY!BE. Os instrumentos de vento madeira cuxo corpo pode ser de metal. Atopar música para sacar os KOM en Strava.
San Pedro negou tres veces nunha noite a Xesucristo e a min Maruja canceláronme tres concertos para os que tiven entrada nun ano. Lonxe estou de ser un mesías, pero seguramente eles si sexan apóstoles dunha nova vaga de música británica, esa que xa comentei noutras reseñas e calificada con tino por Hipersónica como o clube de lectura de Slint. Dende 2023, había pousados sobre este cuarteto de Manchester unha chea de ollos e de focos agardando polo debut en formato longo despois de tres excelente EP: Knocknarea (que os puxo no mapa co seu singular post-rock con toques de jazz), Connla's Well (que contén para min o seu mellor tema aínda hoxe, ‘The Invisible Man’) e Tír na nÓg (editado poucos meses antes deste Pain to Power e igualmente brillante). Unha traxectoria que espertou non pouca expectación e que nos tiña a moitos devecendo tanto por novas cancións como por ver a súa traslación ao directo.
Para cando editaron este disco, alá polo mes de setembro, xa quedara sen velos en Paredes de Coura e no Canela Party, despois de que anulasen boa parte da súa xira por Europa a ultimísima hora por razóns nunca demasiado aclaradas e que parecen ter a ver coa saúde inestable (non sei se mental ou física) dalgún dos seus integrantes. Foi o mesmo motivo que esgrimiron para adiar o concerto do pasado mes de decembro en Barcelona. Daquela xa estaba máis que atrapado neste Pain to Power, un álbum que vén confirmar o que Maruja apuntaban e mesmo fai pensar en que camiños tomarán no futuro.
Vou primeiro co negativo, se é o que hai nesta obra. A música e as letras do grupo eran, nun primeiro intre, máis crípticas e reviradas do que amosa o seu disco de debut. Aínda que o spoken word e os temas centrais de Pain to Power (o descontento social, a atomización dos individuos, as fallas estruturais do sistema) xa estaban presentes nos traballos previos, semellan aparecer agora con maior urxencia. Coma se estes anos acelerarsen a problemática e fose necesario deixarse de florituras para denunciala. O cantante e guitarrista Harry Wilkinson case que rapea en moitos dos temas cunha agresividade que remite —é imposible non pensalo— ás interpretacións de Zach de la Rocha para Rage Against the Machine. Maruja deixan en Pain to Power as sutilezas polo camiño para seren máis políticos e inmediatos ca nunca antes.
They don't like us when we're shining, they remember what they lost
Shame so strong, wanna wash away with blood
Blood calls blood, will we ever bleed enough?
I could never show you more than the beauty in yourself
‘Bloodsport’ abre o álbum marcando estas novas directrices. Tensión e distorsión a canón dende un inicio, un fraseo vocal adrenalítico, chamando a unha revolución consistente… no amor? Que? Impacta ata ver cantas veces ao longo dos oito temas do disco Maruja fan alusión ao amor —non romántico, aclaro— e á beleza como forzas transformadoras, como motores para o cambio. Un discurso un tanto flower power (que fai teito en ‘Saoirse’ repetindo ese “It's our differences that make us beautiful”) que noutro momento vital me tería feito levantar algunha cella (e que lles valeu unha reseña bastante negativa en The Quietus), pero que agora si lles permito. Aínda que lles faga caer preto dos sermóns simplistas de Joe Talbot en IDLES.
Como sempre, o saxofón de Joe Carroll é o elemento omnipresente en todos os temas. A peza central sobre a que orbita o resto do conxunto musical. É, sen dúbida, o distintivo de Maruja como banda e o paradigma de toda unha escena, a do Windmill, na que o pogo máis salvaxe pode estar desencadeado por un solo do instrumento ata hai pouco tempo asociado a música sofisticada e elegante. Mencionei antes a acollida que tivo en The Quietus e tampouco foi boa a recepción que lle deron na Pitchfork (esta sorpréndeme menos). Moitos coinciden en sinalar que neste disco son demasiado explícitos, demasiado evidentes. E eu pregúntome: que alternativa hai cando o mundo actual é o que é? Hai nas cancións deste Pain to Power (‘Break the Tension’, ‘Trenches’) a efervescencia de xente que, nun mundo podre, quere loitar por cambialo dende unha posición na que son, a un mesmo tempo, nenos mimados, o the next big thing da crítica musical, e rapaces precarios vivindo cos seus pais porque non lles dá a pasta para se independizar.
Cóntano nesta entrevista con Binaural, moi interesante para entender como foi creado este disco: “Estamos haciendo dinero solo para aguantar nuestro día a día. Para salir al paso”. Dous meses apurados para compoñer e gravar, concertos transoceánicos de por medio, xornadas eternas, presións económicas, expectativas… e, con todo, a fe na súa identidade. Haberá quen vexa pesca de arrastre nas letras máis inmediatas, pero dificilmente un grupo con esta proposta sonora poderá ser nunca masivo. Se acaso, é a mostra da emerxencia social en que vivimos e da súa fe na arte como un axente transformador. Coas súas contradicións, coa súa imperfección, Pain to Power documenta como poucos discos o tempo que nos tocou vivir e aí están ‘Born to Die’ ou ‘Reconcile’ como cortes fóra do alcance e ninguén que non sexan eles. É imposible saber que está por vir nun futuro dun grupo con tantas vertentes e posibilidades, mais non hai dúbida de que a expectación que xeran é máis que merecida.
Por certo, haberá un cuarto intento de velos en directo: o 30 de maio, en Barcelona. E un quinto, no Paredes de Coura. E así ata que saia ben.
Unha canción: ‘Look Down on Us’. O epítome deste disco. Dez minutos de post-rock cun saxo como principal protagonista e un discurso político (o 99 % contra o 1 %) disfrazado de letra de canción de fondo. Turn pain to power, put faith in love. É un lema simple, mais tamén sincero e verdadeiro (e de aí vén o título do álbum). Abonda con ollar a actualidade de esguello para ver como rachan a diario as costuras deste capitalismo tardío, tecnofeudalismo ou como sexa adecuado chamarlle. Que menos que poder denunciar as súas miserias nunha canción tan magnífica coma esta.
Monóculo: 🧐🧐🧐 (3/5)
Xénero: Chi, chi, chi. Le, le, le… Viva Chile!
Para quen lle guste: Arcade Fire. Mirar formigas dende un Concorde. Salvador Allende.
Hai un intento de fío condutor nas reseñas de Lorena Álvarez e Maruja que desemboca aquí. A priori, puidera parecer que non gardan nada en común dúas propostas artísticas tan distantes entre si con esta terceira; pero do desexo, da carne e da vontade é do que tamén vai o disco da asturiana e a ambición desmedida máis a fe na música como motor de cambio social conectan Pain to Power con Candelabro. Candequé? De onde sae esta xente? A introdución de ‘Las copas’ deixa todo ben claro.
La bandera de Chile escapa a la calle y jura volver
Hasta la muerte de su muerte
Un sample dunha voz recitando o poema ‘La bandera de Chile’, da escritora Elvira Hernández introduce o que, a ollos desta Xanela, é o mellor disco de 2025. Non é esta unha lista temática, mais acho —xa o comentei en anteriores ocasións— que este é un ano marcado por un elemento: a paixón. A morte do cinismo. O entusiasmo. A decisión de vivir a vida e a música de forma plena e con todas as súas consecuencias. Deseo, carne y voluntad é un disco que comete a terrible ousadía de crer en si mesmo, de entender a arte como algo trascendental, capaz de transformar vidas e sociedades enteiras. Fliparse é o primeiro paso antes de estamparse. En moitos aspectos. Pero tamén é o único xeito de conseguir ir máis alá. Candelabro introducen un océano de referencias tan vasto que é dificilísimo prestar atención a todo e descifralo nun simple repaso. E nos sucesivos.
Para mostra, un botón. O segundo tema de Deseo, carne y voluntad, ‘Domingo de Ramos’, reinterpreta, con pasaxes do himno de Chile de por medio, unha canción relacionada coas loitas agrarias popularizada por Víctor Jara, cantautor que foi detido e torturado vilmente o día despois do golpe de estado do 11 de setembro de 1973. Un alzamento militar, encabezado polo xenocida Augusto Pinochet, que depuxo o goberno democrático de Salvador Allende. Non hai tanto, con ocasión dos programas especiais polo cincuenta aniversario desta triste efeméride, que escoitei por primeira vez os discurso de Allende en Radio Magallanes mentres se me encollía o corazón. “Podrán avasallarnos, pero no se detienen los procesos sociales ni con el crimen ni con la fuerza. La historia es nuestra y la hacen los pueblos”. Máis de medio século despois, goberna dende hai unhas semanas no país austral un home negacionista dos crimes desa ditadura, na que seu irmán foi ministro. Co respaldo da maioría dos votantes chilenos. Víctor Jara, por certo, foi executado con máis de corenta disparos tras catro días de humillacións e palizas.
El país en que crecimos ya se fue, ya se fue
El dolor con el que ardimos va a caer, va a caer
Cando escribía sobre a emerxencia das letras de Maruja pensaba tamén que dalgún xeito este contexto crítico era extrapolable as letras de Candelabro. Neste intre no que o vello mundo non morre e o novo mundo non nace, este claroscuro no que, segundo Gramsci, xorden os monstros; a banda chilena entrégase á imaxinaría cristiá para, dende a alegoría, retratar a incertidume dun tempo volátil. Tense falado, escrito e debatido moito este 2025 da volta da relixión, de como o discurso neocon se vale da música ou do cine para ir impregando pouco a pouco a sociedade. Unha relixión —sirva, tras mil alusións indirectas ao longo desta lista, Lux como mellor exemplo— baseada no esotérico, no individual, nun Deus espiritual de autoaxuda e desprovisto de significados e motivos. O Deus, os deuses, de Candelabro sangran, renden contas, erran. Son… humanos. Sacrílegos.
Dios no elige a su pueblo
El pueblo elige a su Dios
A relixión en Deseo, carne y voluntad é unha pantomima, un engano para falar de política. O que sempre foi a relixión, vaia. A deidade que vaga perdida polas rúas da estación central de Santiago de Chile en ‘Pecado’ (vaia canción, cantísimas cousas suceden en todo momento) é un medio para retratar a desigualdade, a violencia policial (nun país que hai só uns anos reprimía protestas estudantís a balazos), o descrédito das institucións… a ritmo dun ska sen freo, entre arroutadas hard rock, berros, un piano tintineante, pasaxes de ventos ou fragmentos de documentais e reportaxes de televisión. Vaia, lembrei que aquí quería falar de música. Centos de palabras e aínda non me parara dicir que son Candelabro.
Oye, sostén el sueño
Siempre hay tiempo para empezar
Oye, agacha el vuelo
Que no hay lugar para aterrizar
Son moitas cousas. Hai herdanza directa do rock latinoamericano (a cal, en gran medida, me custa detectar máis alá duns poucos clásicos), pero a quen máis me lembran, sen dúbida, é á grandilocuencia dos primeiros Arcade Fire e aos Black Country, New Road de Ants From Up There. O barroquismo e á tendencia á epica (cantas estrofas regala o disco para cantalas a pleno pulmón) dos primeiros e as lecturas de Slint dos segundos van da man nunha proposta decididamente orixinal. Ante todo, Candelabro soan a Candelabro. E teñen unha fe inusitada na súa música. Como Charly García saltando dende a azotea toman riscos imposibles e aterran ilesos. Poderíase torcer, converter nun pastiche indescifrable e repelente; pero Deseo, carne y voluntad acha o xeito de dar sempre coas teclas adecuadas para ser excitante e sorprendente.
Entre todo este fracaso
Habrá que levantarse a construir
Habrá que levantarse a trabajar
Por algo mejor, por algo mejor
O fabuloso crescendo e explosión instrumental de temas como ‘Prisión de carne’, como este se enlaza coa introdución orquestal da delicada ‘Tumba’, as cancións mutantes como ‘Liebre’, mesturando poesía, spoken word, un traslado momentáneo ao Spiderland e peluches; a pregaria de ‘Ángel’, a crenza firme de ‘Tierra maldita’. Son incontables os momentos de absoluta fascinación que deixa un disco que absorbe ao ouvinte. Consciente dos defectos e reparos que se lle poden atopar a Deseo, carne y voluntad, poucas veces lembro terme marabillado así cun disco tan inaccesible e pechado en si mesmo. Dende a primeira volta e ata a última (perdín a conta de cantas foron nuns poucos meses). Non podían estar en ningún outro posto que non fose o primeiro desta lista.
Y en mi cabeza no para de sonar
Son años de deseo, carne y voluntad
Unha canción: ‘Cáliz’. Desexo, carne e vontade. Os tres piares dun disco que chega ao seu cénit neste tema. O sol do mediodía dunha época escura, en Chile e no mundo enteiro, na que proliferan os medos e as incertidumes. Armando Uribe. Gabriela Mistral. Rescatan Candelabro para este tema gravacións de grandes voces da literatura e do pensamento de Chile e, paseniño, edifican arredor deles unha catedral sonora. Un templo no que atopar refuxio. “Porque este cuerpo / Es el cáliz / De lo que soy / Cada herida / Cada fracaso / Cada error / Sin un templo / Alzo mis brazos / Hacia el sol”.
Cando decidín a orde dos discos desta lista non se celebrara aínda a segunda volta das eleccións presidenciais en Chile e, uns poucos días despois, remato de escribila no medio dun novo golpe de estado mediado (neste caso, directamente cometido) polos Estados Unidos en América Latina. Xorderon os monstros e non vai haber intervención divina que nos salve deles. É preciso tomar partido.
Sin un templo
Sin reparo
Le diré a Dios
Soy yo quien pregunta
Soy yo quien responde esta vez
Imaxino que algún dos involucrados do xogo desenvolveu síndrome do túnel carpiano facendo scroll a todo trapo para chegar a esta sección o antes posible e tendo que deixar atrás para conseguilo máis de oito mil palabras (síntoo pola extensión, pero foron todas necesarias para sacar o que levaba dentro). O caso é que por vez primeira, e pode que por última, hai un premio por acertar o top 5 desta lista da Xanela e, entre os catorce participantes (moitas grazas a todos os que vos tomastes o voso tempo en enviar as respostas), houbo un cuádruplo empate a cinco puntos.
Catro persoas que acertaron unha posición exacta e dous discos que estaban nas cinco primeiras posicións. Pensara nun criterio de desempate, que era o de sumar medio punto por cada disco do top 20 nestes casos e, aínda así, mantense todo igual. Por sorte, xa o contei no seu día, existe un plan B, que pasa por darlle o premio a quen antes enviara a súa predicción, por entender que ten máis mérito acertar sen ter visto nada da lista que podendo ter descartado algún disco candidatable que aparecese antes de tempo.
Entón, por orde de máis recente a máis antigo (e, polo tanto, gañador), os catro acertantes, todos eles do Discord de Hipersónica, son:
Ferraia: 1. Maruja. 2. Candelabro. 3. Ethel Cain. 4. Los Thuthanaka. 5. Addison Rae. Enviado o 2 de xaneiro ás 11:19.
Samuel (@samlcc): 1. Maruja. 2. Candelabro. 3. Anna von Hausswolff. 4. Deafheaven. 5. Addison Rae. Enviado o 26 de decembro ás 19:17.
Guarino: 1. Candelabro. 2. Deafheaven. 3. EZEZEZ. 4. Maruja. 5. Lorena Álvarez. Enviado o 22 de decembro ás 16:50.
Sergv: 1. Maruja. 2. Candelabro. 3. Little Simz. 4. Deafheaven. 5. Addison Rae. Enviado o 18 de decembro ás 07:53.
Todos lle atinaron bastante e o premio final vai para o colega Sergio (que se le isto antes de que lle escriba eu pode tomarse a licencia de mandarme os seus datos postais por WhatsApp ou polo medio qeu considere apropiado) por ter remitido as súas respostas incluso antes de que se publicase o primeiro post da lista (eles tiñan a ligazón dende antes porque lla compartín no Discord antes ca aquí). Reitero o agradecemento aos participantes e confeso que me sorprendeu que me tivera tanta xente tan ben calado. Debo de ser bastante predecible malia todo.
Máis nada. Agradezo que me teñades acompañado neste repaso que me ten absorbido durante practicamente un mes. Agardo que poidades ter sacado algo que vos interese, vos entusiasme ou simplemente vos divirta un pouco. Non sei se volverá haber lista da Xanela máis anos. Suponme pouco menos que os traballos de Hércules meterme nestas e non saco demasiado a cambio, pero tamén é certo que cada vez que revisito o escrito anteriormente sáeme un pequeno sorriso coma se fose Víctor Sabarís no vídeo de ‘Cosecha propia de patacas’. Para que despois muitos dighan que non se traballa. Non traballa o que non quere, o que non lle dá a ghana.
Díxeno arriba: toda suxerencia, queixa, reclamación, comentario e feedback algún é máis que benvida. Sentídevos libres de compartir se vos resultou interesante ou de criticar a dolor (en público ou en privado) se vos pareceu horrible o escrito. Lémonos pronto, agardo que en extensións máis comedidas. Unha aperta forte e moitos azos ata entón.

Comments
Nothing yet. Say the first thing.
Sign in to join the conversation.